ASOCIACIÓNS

Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta

Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta

Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta

  • Posted by gzcultura
  • On 29/02/2024
  • 0 Comments

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura celebrará este vindeiro mércores 6 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro, a partir das 20.30 horas, o primeiro grande acto de homenaxe e de celebración popular de Luísa Villalta que neste ano 2024 protagoniza o Día das Letras galegas, nunha actividade aberta ao público e de balde.

Baixo o título Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, a entidade que englobamos ao tecido cultural do país quere celebrar á creadora literaria e música en todas as súas facetas vitais: como poeta, como dramaturga, como ensaísta, como violinista e, tamén, como persoa coñecida e recoñecida por implicarse social e politicamente nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades.

E xustamente faremos este grande acto de homenaxe na data, 6 de marzo, no que se compren vinte anos desde o seu repentino e inesperado pasamento, cando só tiña 46 anos, nunha actividade que quere ser de xustiza e de reivindicación da propia Galiza en si.

Deste modo, a programación deste evento comezará, despois da benvida do presidente da Federación, Xosé Manuel Carril, co recital poético Luísa Villalta na voz dos poetas, no que participarán Marica Campo, Xulio López Valcarce, Cesáreo Sánchez e Eva Veiga, compañeiros escritores que, recorrendo da propia Luísa, declamarán a súa poesía e nos achegarán recitados os seus versos máis íntimos coa que a lembran.

A seguir, está prevista a intervención Luísa Villalta: “Eu renazo galega” de lembranza da súa figura a cargo da profesora e escritora e expresidenta da Federación María Pilar García Negro que nos achegará á Luísa Villalta máis intima e persoal, a activista comprometida e relacionada co tempo que lle tocou vivir e a súa implicación cos movementos sociais e políticos expresados a través da cultura e da súa obra, participante das actividades da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (de cuxa directiva fixo parte) ou do Foro Negro da Cultura nacido despois do naufraxio do Prestige.

Logo desta intervención a nosa programación prevé sobre o escenario do Rosalía a escenificación dramática da pequena peza Concerto para un home só publicado en 1989 nos Cadernos da Escola Dramática Galega, que correrá a cargo do actor Miguel Pernas Cora, precisamente quen interpretou en outubro de 2004, na homenaxe realizada xusto após do seu pasamento a mesma peza teatral.

A súa actuación será preámbulo para que o profesor, compositor e músico Paulino Pereiro, amigo persoal de Luísa, faga a introdución para achegar a outra das paixóns de Luísa: a música e o violín. Dáse a circunstancia que Paulino empregou o instrumento musical persoal de Luisa Villalta, o seu violín, na súa despedida en 2004, acto dun grande contido emotivo e afectivo. Así, terá lugar o concerto do Grupo Instrumental ‘Siglo XX’, con Florian Vlashi, violino, Luigi Mazzucato, viola, e Raúl Mirás, violonchelo, que interpretarán o tema composto polo propio Paulino Pereiro O paseo das esfinxes. Op.49, (música escénica para a obra homónima de Luísa Villalta) 1990, I – II – III, e a adaptación de J. S. Bach, tamén de Paulino Pereiro, Transcrición da Suite núm. 3 para cello Op.296. Trío de corda. (2021), I Prelude, II Allemande, III Courante, IV Sarabande, V Bourrée, VI Gigue.

E xa para rematar, poñendo o ramo á data, subirá ao escenario Xurxo Souto que realizará a intervención O outro lado da música, título homónimo do ensaio de Luísa Villalta publicado en 1999, libro referente onde puxo en valor a mutua atracción que senten entre si a poesía e a música, e que achegará esa visión harmónica e cómplice, caras dunha mesma moeda, que tiña a poeta entre ambas.

Convidamos á cidadanía da cidade da Coruña a participar nesta actividade aberta e gratuíta.

Por último sinalar, que esta actividade está financiada grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *