A Asociación ORAL é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito galego fundada o 17 de maio de 1997 en Vigo por un grupo de persoas interesadas na conservación das tradicións populares improvisadas de carácter oral.
Dende a súa fundación ven funcionando con altibaixos pero marcándose o seguinte fin: “realizar todo tipo de actividades de estudo, investigación, creación, difusión, promoción, divulgación, formación, etc., tendentes a recuperar e dignificar a tradición dos desafios orais improvisados en verso, máis coñecidos como Regueifa, Brindos, Loias,… ou calquera outra de carácter similar que teñan como denominador común “a oralidade, o desafio, a improvisación, a rima, o enxeño, ou a arte.”