O médico dos pobres. Proxección do documental e coloquio

O médico dos pobres. Proxección do documental e coloquio

O médico dos pobres. Proxección do documental e coloquio

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 22 Febreiro, 2024
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Asociación A Memoria é Náufraga, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Deputación da Coruña, Deputación de Lugo, Memoria democrática, O Incio, O médico dos pobres

O filme O médico dos pobres recupera a memoria de Manuel Díaz González, médico rural, deputado provincial e alcalde do Incio durante a República, asasinado pola escuadra falanxista de Eirexalba en 1936. O título do filme corresponde a un dos sobrenomes polos que era coñecido Manuel Díaz González, quen atendía gratuitamente ás persoas de poucos recursos económicos. Tamén foi coñecido como «o pequeniño do Incio» pola súa curta estatura, que se debía a un problema de crecemento causado por unha meninxite que padeceu na infancia.

O fío condutor deste documental parte do libro “Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano”, escrito por José Luis Díaz, sobriño do protagonista. José Luis iniciou a investigación da vida do seu tío a raíz dunha nota manuscrita a lápis que de forma casual atopou entre documentos da familia alá polo ano 1978. Esta nota dicía: “O 11 de setembro de 1936 matáronme a Manolo os Fascistas, de Laiosa ó Incio”. Fora escrita polo pai do médico asasinado, e avó de José Luis, que intuiu que a morte do seu tío estaba aínda rodeado dunha espesa néboa que, como se di no rural, desexaba que “levantase”.

O documental foi producido, co apoio económico das deputacións da Coruña e de Lugo, por iniciativa da asociación A Memoria é Náufraga, que creou en Bóveda o centro cultural A Casa da Memoria. No edificio onde se encontra —na aldea de Xullán, na parroquia de Toimil— refuxiouse Manuel Díaz; as mulleres que o axudaron foron compasivas, lúcidas e sobre todo moi valentes, heroínas anónimas neses tempos de guerra e de medo.

O equipo promotor está formado polos docentes e músicos Patricia Castro, Lorena Lopez e Julio Costa, e conta coa colaboración de HISTAGRA, grupo de investigación do Departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, encabezado por Lourenzo Fernández Prieto.

Na parte técnica de rodaxe contou con:

Federico A. Rioboo como director e guionista; gañador do premio á mellor longametraxe de Galiza (2022) no City Blue Film Festival co su documental “Arredor da roda”.
Arián Quinteiro, operador de cámara; gañador de dous premios Mestre Mateo (2023) con “María Casares. La mujer que vivió mil vidas” e polo anuncio publicitario “O Camiño das estrelas”.
Miguel Seixo, sonidista con 27 anos de carreira e referencia absoluta na súa especialidade. En 2022 foi sonidista na serie “Los enviados”, do nominado ao Óscar, Juan José Campanella, con “El hijo de la novia”.

A Banda Sonora Original foi composta por Alberto Vilas, docente e pianista versátil que combina estilos contemporáneos e jazzísticos. En 2017 recibiu o Premio Martín Códax da Música por “Universo Lem”. É músico de grupos como Tangata, Alberto Vilas Quinteto, Circus. Compuxo a banda sonora dos documentais “El Imperio Textil”, “Manolo Barros, un Rebelde de Acero”, “Ángel” e “Semitonos”. En 2021 recibe o seu segundo Premio Martín Códax da Música co seu disco “Naialma”.

Boa parte deste documental gravouse nos Concellos de O Incio e de Bóveda, nos lugares vencellados á vida e á profesión do médico, como a “Casa do Castelo” ou a antiga casa de farmacéuticos do S.XIX, coñecida como a “Casa de Peña”, onde foi capturado e paseado o médico D. Manuel Díaz, protagonista deste documental. Outra boa parte gravouse en localizacións da provincia da Coruña, no Pazo de Fonseca, sede da Facultade de Medicina, onde coincidiu como alumno con Castelao, e na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Logo da proxección do documentario, terá lugar unha mesa redonda na que, ademais do director da fita, participarán Mª Patricia Castro Vázquez e Julio Costa Madriñán, presidenta e tesoureiro da Asociación A Memoria é Náufraga.

Este evento, como todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

Duración: 100 minutos

A quen vai dirixido: público en xeral

Cando: xoves 07/03/2024 ás 19:30 h.

Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto: agra@galizacultura.gal

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *