A Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán naceu en abril de 1976 para organizar a loita veciñal nun barrio creado no desenvolvismo franquista para a clase traballadora e recibir o aluvión de migrantes operarios de toda a parte da Galiza e do mundo; na súa orixe foi construído sen o máis mínimo criterio urbanístico: rúas estreitas, edificios sen elevadores, ningún equipamento (nin prazas, nin parques, nin escolas, nin centros de saúde) que deran servizo ás case 30.000 persoas que chegamos convivir neste barrrio. Ese desleixo urbanístico mantense hoxe en día por parte das institucións públicas, coniventes cos intereses da máis salvaxe especulación. A asociación Agra procura dar voz ás numerosas demandas da veciñanza perante os poderes públicos mais tamén desenvolve actividades culturais e deportivas que favorezan o convivio e a dinamización da nosa lingua e a valoración do noso patrimonio cultural.
O logo da asociación ten a bandeira e o deseño dun muíño de vento, pois neste barrio estivo localizado un dos moitos muíños que xunto co faro identificaron á Coruña durante moitos séculos. Consta que no 1859 había un muíño de vento na Agramela; foi desmontado no 1984 e o Concello da Coruña amoreou as pedras no Monte de Santa Margarida até 2013, cando as depositou nun almacén municipal. A nosa asociación propón a rehabilitación deste muíño no Campo da Burra, onde, cos restos do acueduto, conforme un espazo de interese patrimonial e que recupere sequera a condición de lugar de reunión e a súa visibilidade dende o Orzán. Esta zona é a única zona sen edificar porque está na contorna do Observatorio Meteorolóxico, que necesita un certo espazo libre para o seu labor; mais, a forte centralización dos servizos meteorolóxicos, restaron funcións a este centro de investigación e prepárase unha suculenta operación construtiva: o concello traza o planeamento dunha urbanización de luxo como se fose un barrio de nova creación, cando é un recuncho que forma parte dun barrio que carece de equipamentos. A nosa máis urxente reivindicación é a reclamar a disposición do Parque da Agra para zona verde e de lecer, xunto co aproveitamento social e público dos edificios da Xunta da rúa Gregorio Fernández e do Observatorio (se é que trasladaran este fóra do barrio).