A Sociedade Cultural Medulio comeza a súa andaina no ano 1979,arredor do día das Letras Galegas, nace cos obxectivos de promoción e defensa da cultura Galega na perspectiva da súa normalización e desmarxinalización, obxectivos totalmente vivos na actualidade.
Nos primeiros anos fíxose un esforzo organizativo e económico na recuperación das festas tradicionais: Entroido,Magosto,Samain…,organizando concursos de comparsas en colaboración co Concello, para devolverlle o carácter popular que por razóns políticas fora perdendo.
Sempre foi para Medulio a defensa do noso idioma, da nosa cultura, do noso patrimonio e identidade propia como pobo diferenciado a espiña dorsal en torno a que se vertebran todas as súas actividades, eventos e celebracións: mesas redondas, presentacións de libros, recitais, obras de teatro,escenificacións musicais dos nosos poetas,ciclos de conferencias, seminarios,etc.
Nas programacións da Sociedade Cultural Medulio sempre están presentes as figuras sobranceiras da nosa cultura: Castelao, Rosalía, Curros, Pondal Manuel María, Blanco Amor, Bouza Brei, etc.