“A Lola” chega á Estrada
- Posted by gzcultura
- On 20 Abril, 2018
- 0 Comments
A Federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural “Vagalumes”, a través do PONTEGAL da Deputación de Pontevedra, trae á Estrada a obra de Avelalíña Teatro “A Lola”. Representarase o vindeiro venres 27 de abril no teatro principal ás 20:30 h. A entrada será libre e gratuíta. Esta obra da autoría de Manuel Ayán -que vén de publicarse en edicións Laiovento o seu texto- está a percorrer os escenarios deste país con grande éxito por como trata un asunto fundante do noso presente: a represión franquista.
A Lola son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista.

O relato xoga co presente (mediados dos anos sesenta) e o pasado (os anos da Segunda República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936).
A súa trama está determinada polo que se denomina o “pasado non ausente”, ou sexa, polo feito de que o sucedido nos anos da represión posterior ao golpe segue a determinar as vidas e as condutas de varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a superación do trauma.
David e Teresa, mozos abertos aos novos aires que comezan a infiltrarse na sociedade española, deciden casar e visitan a casa nativa para comunicarllo aos seus pais. Pero os traumas do pasado seguen presentes: a historia dos pais de Teresa, familia comprometida dende o primeiro momento co novo réxime e a dos pais de David, identificados cos ideais republicanos, frustran os desexos dos mozos.
Na obra recréase o ambiente, ideais e confrontacións entre as dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte as ideas constitucionais de progreso e liberdade.
A Asociación Cultural “·Vagalumes” é membro da Iniciativa Galega pola Memoria e da Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura. no seo das cales realiza as actividades de recuperación da memoria histórica en colaboración co resto das entidades galegas que compartimos a teima pola verdade, xustiza e reparación.
0 Comments