Centenario da II Asemblea das Irmandades da Fala em Compostela
- Posted by Admin
- On 10 Novembro, 2019
- 0 Comments
Para celebrarmos o centenario da II Asemblea das Irmandades da Fala, na Libraría Couceiro, o mércores 13 de novembro ás 19.30 horas, o profesor e doutor Emilio Xosé Ínsua disertará sobre esta efeméride.
A conferencia xirará arredor do contexto, desenvolvemento e significado da segunda Asemblea Nacionalista, celebrada polas Irmandades da Fala en Compostela en novembro de 1919, hai agora exactamente cen anos. Repasaranse os debates afrontados, as figuras máis sobranceiras participantes e as conclusións adoptadas, con algunhas reflexións desde a perspectiva que nos brinda o tempo histórico transcorrido desde entón.
Emilio Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967) é doutor en Filoloxía Galega pola USC e profesor de Lingua Galega e Literatura no IES A Basella, de Vilanova de Arousa.
Fai parte dos consellos de redacción das revistas Aulas Libres (STEG), Nova Ardentía (Culturmar) e Revista Galega de Educación (Nova Escola Galega).
Mantén na rede o blog “A ínsua do Ínsua”, escribe acotío no Heraldo de Vivero e ten colaborado coas actividades e publicacións da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega e de múltiplas asociacións culturais de todo o país.
Participou na confección de varios
libros de texto para o Consorcio Editorial Galego e preparou a edición da obra
inédita de Prados Ledesma e García Dóriga, así como de varias pezas teatrais de
Antón Villar Ponte.
Publicou os libros de poesía Devalar das esperas (1995) e Acontece ás veces a ternura (2005), este último galardoado co premio Prados Ledesma do Concello de
Viveiro.
Obtivo diversos premios de
investigación, como o Irmandiños de Moeche (1996), o Ramón Piñeiro de Ensaio
Breve (2004) e o Ánxel Fole (2002 e 2009). Tamén foi distinguido co premio
Ramón Cabanillas polas librarías de Cambados (2008) e co premio do Libro Galego
na modalidade de ensaio en 2019.
En colaboración co actual cronista
oficial de Viveiro escribiu os volumes O primeiro Antón Villar Ponte (2003) e Maruja Mallo,
de prometedora pioneira a artista universal (2010).
É autor, entre outros estudos, das
monografías Sobre ‘O Mariscal’
de Cabanillas e Villar Ponte (2005); Antón Villar
Ponte e a Academia Galega
(2006); Orixe, peripecia e
pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo) (2010); A nosa Terra é
nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) (2016); Común temos a
patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte (2017), en colaboración con Xurxo Martínez González; Xosé María Díaz Castro, poeta en formación (2017) e O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri (1874-1936) (2017).