“Todo canto fomos”, de Xosé Monteagudo
- Posted by gzcultura
- On 24/10/2020
- 0 Comments
A estrutura deste libro contrapón as vidas de distintas xeracións dunha mesma familia ao longo do s.XX. Este percorrido xenealóxico iníciase coa nova da inminente morte da nai do narrador, e mantén o interese da trama ata o final, a pesares da que a cantidade de datos, froito dunha inxente laboura de documentación, ralentiza o ritmo narrativo.
Tamén a metaliteratura ten un papel relevante nesta novela, a través desa voz narradora e dos diarios e documentos que lle legan algúns dos seus antepasados e que lle permiten ao fin descubrir o segredo da nai, completando así o quebracabezas familiar para a seguinte descendente da saga.
Curiosamente, atopamos certas coincidencias con O Hibisco púrpura, lido anteriormente: nos dous casos trátase de ‘historias de familia’, onde as tensións e enfrontamentos xorden da imposición patriarcal; a diferenza do pequeno ciclo de crise que presenta a nixeriana, o autor galego desenvolve unha secuencia dilatada temporalmente, o que lle permite atinxir as grandes etapas históricas do século vinte.
Nas dúas, a estrutura contribúe a dar graza ao conxunto, constituíndose como eixo fundamental, que obriga a quen le a ir colocando pezas para compor unha imaxe final. Na primeira delas, hai que recoller con atención pequenos fíos soltos que vai deixando a autora ao longo da narración, mentres que na de Monteagudo, trátase de atopar o encaixe de historias e personaxes que se intúe que van confluír nalgún punto do argumento, pero non é doado anticiparse ao relato, pois, ao igual que no libro de Ngozi, vaise avanzando na trama de través, sen que nada se conte de xeito directo.
0 Comments