Sumámonos á homenaxe anual a Pedro Galán Calvete
- Posted by gzcultura
- On 18/09/2021
- 0 Comments
Parte do Grupo de traballo da Memoria Histórica da Federación participou do acto que todos os anos se celebra no Camposanto de Santo Amaro da Coruña.
Esta mañá, varias e varios membros do grupo estábel da Memoria achegáronse á Coruña a participar da ofrenda que cada ano recibe o mozo Pedro Galán Calvete, asasinado nas datas posteriores ao Golpe de Estado de 1936.
Desta volta, o encargado de amenizar a ofrenda floral foi o músico e habitual colaborados de varias das asociacións que pertencen á Federación, Moncho do Orzán, que interpretou unha peza especialmente composta para a actividade.
Pedro Galán Calvete, mozo responsábel de organización das mocidades do Partido Galeguista, así como activista social destacado na cidade da Coruña, foi “paseado” o 16 de setembro de 1936 atopándose o seu cadáver na desgraciadamente famosa cuneta da curva da Corveira, núcleo poboacional entre os municipios da Coruña e Culleredo.
Desde o ano 2003 vense celebrando esta actividade de recuperación da súa memoria e do seu labor tras unha curta, mais intensa vida (asesináronno con apenas 19 anos), xa que logo o pouso que deixou nas organizacións nas que participou, alén do xa mencionado Partido Galeguista, está sendo documentado e comeza a ser recoñecido.