ASOCIACIÓNS

Presentamos os catros primeiros volumes da obra completa de Manuel Lourenzo

Presentamos os catros primeiros volumes da obra completa de Manuel Lourenzo

Presentamos os catros primeiros volumes da obra completa de Manuel Lourenzo

  • Posted by gzcultura
  • On 26/04/2022
  • 0 Comments
  • Manuel Lourenzo

Nesta sexta, 29 de abril, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura presentaremos a obra dramática completa de Manuel Lourenzo.

Figura central do teatro galego contemporáneo, con máis de 5.000 páxinas de obra dramática, intervención como actor e/ou director en máis de 200 espectáculos teatrais e en 15 filmes, asemade dun inmenso traballo como tradutor, ensaísta, conferenciante, formador, impulsor de iniciativas etc, a Federación está a publicar a súa magna obra teatral, organizada cronoloxicamente en 7 volumes dos que xa damos conta dos seus 4 primeiros xa impresos.

A actividade desenvolverase no salón de actos do Circo de Artesán da Coruña, rúa Santo André, 36, a partir das 19 horas, e contaremos co propio autor.

Portada do Volume núm. IV da obra completa de Manuel Lourezo

Como é ben sabido, vimos tentando, desde hai máis de dous anos, editar a obra completa de Manuel Lourenzo, revisada, corrixida e ampliada por el mesmo, e supervisada pola profesora da UDC Cilha Lourenzo. Velaí reside o aspecto máis orixinal e innovador deste proxecto: o feito, tan pouco habitual de que unha grande obra literaria reciba a súa edición completa en vida do autor e, por tanto, debidamente ordenada e corrixida por el.

Deste xeito, a actividade decorrerá facendo un resumo da primeira etapa da obra compilada nos primeiros catro volumes impresos, na voz de quen mellor a coñece, o propio dramaturgo, e nos que xa se reúnen case 3.000 páxinas do teatro contemporáneo galego, desde obras orixinais, de compañías fundadas por el ou inspiradas nas súas creacións e, mesmo, adaptacións de obras clásicas.

Manuel Lourenzo na homenaxe en 2021

Este inxente labor, que pretende reunir case 60 anos da historia teatral galega, forma parte das actividades públicas que vimos desenvolvendo desde o ano 2021, incluída a grande homenaxe nacional realizada o 19 de decembro do ano pasado.

O obxectivo non é outro que o da distribución da obra dramática galega completa, tomando como destinatarias prioritarias as bibliotecas públicas galegas, os centro de ensino público e aquelas outras entidades públicas relacionadas co ensino, a cultura e as artes dramáticas. Pretendemos, se cabe, normalizar o teatro e normalizar a lingua propia, facendo accesíbel ao público en xeral toda historia dramática galega contemporánea. A difusión desta obra completa, que reúne máis de 300 títulos, distribuídos nestes 7 volumes, convértese nunha necesidade cultural de primeira orde, alén de poder poñer tamaño monumento literario a disposición do público lector e das compañías de teatro para a súa representación.

O acto será introducido pola presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, entidade que forma parte da Federación, e polo noso presidente, Xosé Manuel Carril.

Neste sentido agradecer, tanto ao Circo de Artesáns, lugar de celebración do acto, como a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a colaboración para a realización desta presentación.

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *