ASOCIACIÓNS

Nova sesión do noso clube de lectura

  • Posted by gzcultura
  • On 10/02/2019
  • 0 Comments
  • clube, lectura, xavier quiroga

Zapatillas rotas e Izan o da saca de Xavier Quiroga foron as obras comentadas.

Portada de “Izan o da saca”

Xabier Quiroga participou na sesión de comentario destas novelas. Trátase de dúas obras ben diferentes argumentalmente que teñen en común a súa complexidade e a maneira coa que conseguen impresionar (“rabuñar por dentro” como di o autor) a quen as le.

Aínda que as lectoras coincidiron que non resultan relatos de lectura doada inicialmente -e máis no caso de Zapatillas rotas-, ficaron enguedelladas nas súas páxinas pouco a pouco.

No que se refire á primeira delas as claves narrativas son a intensidaade coa que se desenvolven os feitos (nunhas horas) e a contraposición da relación que se establece entre os dous personaxes principais fronte á voráxine mediática e policial que rodea o caso (á que eles permanecen alleos). Nesta historia de amor, entretecida coas vidas de varias xeracións de dúas familias, a referencia constante á señora Lola convértea na gran protagonista ausente.

A profundización na psicoloxía dos personaxes, a variedade de rexistros lingüísticos e riqueza léxica son elementos compartidos con Izan o da saca, onde se desenvolve unha trama de novela negra entrefrebada cunha ampla investigación sobre a presenza dos nazis na Ribeira Sacra dende a IIª Guerra Mundial. O anexo final con información referida a isto, permítelle ás persoas interesadas seguir moitos fíos que aparecen no relato protagonizada polo Reiniña.

Xabier Quiroga amosou distintas imaxes relacionadas coa investigación que el mesmo levou a cabo para documentar esta historia; entre elas había unha das torres de transmisión do Arneiro aínda en pé. Estas estruturas próximas á nosa contorna caeron pola desatención xeralizada ao patrimonio.

Con respecto a Zapatillas rotas tivemos ocasión de ver o esquema organizativo das distintas secuencias, que lle serve ao autor para evitar incoherencias no desenvolvemento argumental entrecruzado.

A próxima lectura será Chámame señora pero trátame como a un señor, de Inma López Silva e terá lugar cara a finais de marzo.

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *