Nova data do Club de lectura da Federación: Rosalía e feminismo
- Posted by gzcultura
- On 18/02/2022
- 0 Comments
- Club de Lectura
Este ano comezamos as sesións do club de lectura para o vindeiro sábado 26. Será, doutra volta, na sala auxiliar da Casa Museo Manuel María.
E queremos aproveitar a proximidade de dúas datas tan significativas como o 23 de febreiro, o día do nacemento de Rosalía, e o 8 de marzo, o Día internacional da Muller, para facer unha aproximación ao textos de Rosalía desde unha perspectiva feminista. Deste xeito, e baixo o título ‘Rosalía e feminismo no século XIX’ faremos unha aproximación a uns textos, que pola data na que foron escritos, implicaban toda unha revolución feminista e libertaria da poeta padronesa.

“(…) Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino (…)“, son palabras da propia Rosalía que foron escritas con tan só 21 anos no ‘Álbum del Miño de Vigo‘, en 1858. Velaí o fundamento da súa obra e, por tanto, da súa vida.
Leremos textos da propia Rosalía onde aparece ese marcado feminismo, que a aquela altura significaba máis dignidade e máis empoderamento nunha sociedade, a do século XIX, co centro únicamente no home, e miraremos textos analíticos de autoras contemporáneas na que se pon luz, precisamente, o contido das súas palabras, como as ideas recollidas no artigo ‘Rosalía de Castro: unha feminista na sombra’ de María Pilar García Negro.
Unha xornada a non perder, a do vindeiro sábado 26. Agardámosvos.
0 Comments