
Lemos “O xardineiro dos ingleses”, de Marcos Calveiro
- Posted by gzcultura
- On 18/04/2020
- 0 Comments
Ao Clube de Leitura gustoulle desta obra o xeito de evidenciárense certas figuras femininas da sociedade, amosando así a importancia das mulleres que non se deixan asoballar, coma Delia Cores, loitadora e solidaria, pero tamén a súa tía Olympia, sempre na procura da vida en liberdade. Outras presenzas significativas na novela son Sorolla e Federico García Lorca, vencellados na trama a Delia e a Miro, respectivamente. O caso de Edelmiro, que fica deslumbrado pola obra do escritor andaluz, levou a unha de nós a establecer un paralelismo entre a loita constante contra o descoñecemento do protagonista e a función deste Club de Leitura, como espazo de aprendizaxe colectiva.
E, por último, fica dicir que nos cativou esta narración, construída con moitas microhistorias ben enlazadas, pola forza e a tenrura das personaxes principais, mais tamén pola búsqueda da liberdade e da xustiza que latexa nas súas páxinas.
Podedes ler unha entrevista co autor, neste enlace, que unha lectora tivo a ben compartir.
0 Comments