Iniciativa popular para restituír a letra do Himno galego
- Posted by gzcultura
- On 29/11/2022
- 0 Comments
- Himno galego
Esta mañá, no rexistro da Cámara, María Antonia Pérez, a nosa vicepresidenta, Anxo Louzao, voceiro de Vía Galega, Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e investigador do himno, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Paulo Carril, secretario xeral da CIG, e a escritora e profesora da UDC e expresidenta de Galiza Cultura, María Pilar García Negro, entre outras persoas, presentamos unha proposición de lei de iniciativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión.

As razóns que levan a Galiza Cultura e a Vía Galega, e a máis de 30 persoas representando diversos colectivos sociais e culturais do país, a impulsaren esta iniciativa popular é a necesidade de divulgar e de popularizar o himno no conxunto da sociedade galega. Trátase de dar a coñecer a súa xénese, historia e significado; pois nunha nación como a galega sen soberanía política, sen estado de seu, a valorización dos seus símbolos nacionais tornase fulcral.
Manuel Ferreiro, estudoso e máximo especialista no himno e na obra de Pondal, contribuíu nas últimas décadas á recuperación do texto fidedigno do himno. Agora só nos queda restauralo oficialmente, tal e como o Eduardo Pondal o escribiu. Mesmo, en 1913, xa moi ancián, o propio Pondal advertiu a Fontenla Leal, o gran promotor do himno na Habana, escribíndolle unha carta, dicíndolle que o texto tiña incorreccións e había que mudalas.

No século XIX, en 1890, Eduardo Pondal, que era o gran poeta nacional do momento, escribe un texto ao que Pascual Veiga lle puxo música e que, a partir de 1907, na Habana foi adoptado como himno galego e progresivamente asumido, así, socialmente. A cuestión de que a iniciativa da súa institucionalización partise da Habana é o que explica que o texto se difundise na capital de Cuba, en revistas e en medios diversos, lonxe do país mais aínda que había unha forte conexión mediante a emigración, houbo adherencias textuais que non correspondían co que Pondal escribira.
É unha cuestión de xustiza histórica rehabilitar un dos nosos sinais de identidade e que nos representan colectivamente. Esta é a pretensión final da ILP.
0 Comments