ASOCIACIÓNS
Inauguración da Exposición Nós de Onte a Hoxe: 100 Anos de Historia

Inauguración da Exposición Nós de Onte a Hoxe: 100 Anos de Historia

  • Posted by Admin
  • On 01/12/2019
  • 0 Comments

A Federación Galiza Cultura inaugurará o próximo día 11, mércores, ás 17:30 horas, a Exposición Nós de onte a hoxe: 100 anos de historia, no Museo do Pobo Galego.

Galiza Cultura conmemora así o centenario dunha iniciativa singular e decisiva na historia contemporánea da Galiza: o nacemento da revista Nós, cuxo primeiro número ve a luz o 30 de Outubro de 1920, revista de alta cultura que coloca a lingua, as artes e a ciencia galega nun nível privilexiado de calidade. Adiantámonos á celebración dunha publicación que é herdeira directa do espírito das Irmandades da Fala (1916), do renacido boletín A Nosa Terra (1917) e da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), que son os seus antecedentes directos.

A exposición leva como lema: SER DIFERENTE É SER EXISTENTE, extraído do uso que del fai Vicente Risco en “Nós, os inadaptados”, e realiza un percurso pola significación e a obra dos seus principais persoeiros: VICENTE RISCO, director literario; CASTELAO, director artístico; RAMÓN OTERO PEDRAIO, ÁNXEL CASAL… e, con eles, a proxección que significou para artistas e escritores novos, así como a conexión co Seminario de Estudos Galegos (1923), outra iniciativa capital que marca o inicio dunha ciencia multidisciplinar en galego e sobre a Galiza.

É, pois, amplamente, o Grupo Nós o estudado, con atención especial e lóxica conexión xeracional, á figura de RICARDO CARVALHO CALERO, dedicatario do próximo Día das Letras Galegas 2020, testemuña excepcional desta época e estudioso constante da obra dos principais artífices do Grupo.

A Asociación Solfa interpretará dúas pezas musicais, para pór de relevo a importancia que o Grupo e a revista concedían á arte musical no conxunto da cultura galega.