
Falamos de Carvalho Calero con “A gente da Barreira”
- Posted by gzcultura
- On 11/07/2020
- 0 Comments
A piques de comenzar o verán, o noso Clube de Leitura reuniuse de novo na horta da Casa de Hortas por mor da pandemia. O grupo tirou moito proveito da posta en común sobre A gente da Barreira, de Ricardo Carvalho Calero.
Esta obra, publicada en 1951, supuxo naquela altura unha nova xeira para a narrativa en galego, ao ser a primeira novela publicada na nosa lingua na posguerra. Dous anos antes, resultara gañadora dun certame literario no que foi o único texto presentado que non estaba en castelán. Isto serve abondo para contextualizala e para poñela en valor como fito histórico; porén, encheunos o ollo por outras cuestións que van máis aló da cronoloxía da súa escrita e do momento de publicación.
Resultounos unha lectura agradecida, coa súa estrutura en pequenos elos argumentais, significativos e ben artellados, que conforman un mosaico da decadencia dunha linaxe da fidalguía galega ao longo do s. XIX; se ben en canto ao contido remite a Os camiños da vida, difire notablemente da obra de Otero Pedrayo no ritmo do relato, pois o ferrolán desenvolve a trama apoiándose na elipse temporal máis que no desenvolvemento dos feitos. Iso si, a calidade da súa prosa non nos deixou indiferentes: as lectoras concordamos no nivel de esixencia que supuxo seguirlle o fío ao xeito requintado de escribir de Carvalho Calero, unha forma de expresión que se xa esvaeceu no tempo.
0 Comments