ASOCIACIÓNS

Exiximos máis contundencia á Xunta na defensa dos bens de Meirás

Exiximos máis contundencia á Xunta na defensa dos bens de Meirás

Exiximos máis contundencia á Xunta na defensa dos bens de Meirás

  • Posted by gzcultura
  • On 19/05/2021
  • 0 Comments

Reclamamos á Xunta de Galiza que active “todos os recursos” para que os Franco “non se apropien” de bens do Pazo de Meirás

Vimos de emitir un comunicado de prensa no que demandamos a Xunta de Galiza que cumpra as directrices da UNESCO e os acordos do Parlamento de Galiza, verbo da devolución das esculturas do Mestre Mateo e de canto se atopa nos terreos, nas construcións e Torres de Meirás

Ao evidente deterioro e abandono no que a Xunta de Galiza ten ao patrimonio cultural galego, súmase agora a laxa intervención desta, no referido a canto atangue á devolución por parte dos herdeiros do xeneral Francisco Franco das Torres de Meirás e de todo canto esta propiedade do pobo galego leva incorporado.

Deste xeito, avalíamos á intervención da Administración Pública galega como nada proactiva, morna e levada a cabo moi de vagar. Trátase dun proceder, que tamén se verifica ao comprobar como se comporta ante os prazos legais que establece a xustiza do Estado español, para dar resposta á sentenza emitida polos tribunais, unha sentenza que resulta ser un claro expoñente do afastamento entre a legalidade vixente e a sociedade do século XXI. Ese xeito de obrar por parte da Xunta, percíbese igualmente na actitude que adopta ante as directrices que dita a UNESCO-ICOMOS para a preservación, conservación e presentación do patrimonio cultural.

Do mesmo xeito, desde o punto de vista da protección patrimonial, e en concreto para que os bens mobles non saian de Meirás, sería suficiente con que a Xunta de Galiza incoase expediente para publicar como anexo o inventario (e que a propia Xunta xa ten feito) á declaración BIC coa categoría de sitio histórico (segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza) da que xa goza o Pazo de Meirás. Porén, a Xunta de Galiza, de xeito intencionadamente erróneo interpreta que debe ser o Estado quen debe facelo, mais xa se ten contestado, vía Avogacía do Estado que non só a Xunta é a administración competente para facelo, senón que ademais, o Estado solicita a Xunta expresamente que proceda a facelo.

A publicación dese inventario sería suficiente para non se permitira a saída dos bens mobles inventariados, xa que forman parte dun BIC que explica (bens, mobles e inmobles) un sitio histórico como é Meirás, incluídas, por exemplo, as esculturas do Mestre Mateo que formaban parte do Pórtico da Gloria, preservando contido e continente, e impedindo, de vez, calquera intento de espolio por parte da familia do ditador, que como se ve, semana a semana, e procurado con aleivosía.

Asemade, é patente esta pouca implicación na recuperación, amparo e defensa do patrimonio galego, por parte dos organismos sobre os que, por lei, recae tal misión, un feito agudizadísimo no que afecta ao poder Executivo galego. En xeral, esta é a causa de que a nivel internacional as estudosas/os e as institucións con competencias sobre patrimonio, pensasen (e propiciasen) que novos axentes sociais tiñan que intervir para que esta situación remate. Neste novo proceso de actualización produtiva e de visibilización dos bens patrimoniais, figuran como axentes esenciais as asociacións culturais, xa que os investigadores e as grandes entidades culturais tomaron moito en consideración que xustipreza sen o patrimonio, sobre todo, pola rendibilidade social e polo seu valor histórico-identitario.

É notorio o desleixo da Xunta de Galiza e o seu desprezo do estipulado polo ICOMOS e o ICCROM, na carta de Nara, na de Burra e na de Quebec. Demandámoslle, por tanto, no que atinxe á recuperación das esculturas do Pórtico da Gloria, e de todos os outros bens que se atopan no recinto das Torres de Meirás, que:

1.    Cumpra con presteza ás directrices da UNESCO, o acordo parlamentario ao cal chegaron por unanimidade todos os partidos políticos que integran o noso Parlamento así como os requirimentos do pobo galego.

2.    Active con rapidez todos e cada un dos resortes, mecanismos, recursos, etc. necesarios para conseguir que a familia Franco non se apropie das esculturas da autoría do Mestre Mateo, nin tampouco de calquera outro tipo de pezas que se encontren nos terreos ou no interior das Torres de Meirás e das súas edificacións anexas ou adxectivas.  

3.    Informe a cidadanía con dilixencia e claridade de como se desenvolven as accións que realiza para lograr o obxectivo sinalado nos dous puntos anteriores.

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *