
En marcha xa a ILP para a restitución da letra do noso himno e a súa difusión
- Posted by gzcultura
- On 14/01/2023
- 0 Comments
- Himno galego, Simbolos Nacionais
Esta semana dimos, xa, comezo á campaña de recollida de sinaturas, que xunto Vía Galega rexistramos no Parlamento de Galiza, para a presentación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) co obxecto da restauración do texto fidedigno do noso Himno e a súa difusión.
En novembro do pasado ano, no rexistro da Cámara, María Antonia Pérez, a nosa vicepresidenta, Anxo Louzao, voceiro de Vía Galega, Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e investigador do himno, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Paulo Carril, secretario xeral da CIG, e a escritora e profesora da UDC e expresidenta de Galiza Cultura, María Pilar García Negro, entre outras persoas, presentamos a proposición de lei que, toda vez valorada pola Mesa do Parlamento foi admitida a trámite polo que a Xunta Electoral xa fixo corresponder os pregos de recollida de sinaturas do procedemento.

Deste xeito, e durante os vindeiros tres meses, o longo do País, desenvolveremos, xunto coas entidades culturais pertencentes á Federación e en colaboración con outros máis de 30 colectivos, a campaña de recollida das 10.000 sinaturas que exixe o procedemento para o debate da iniciativa no pleno do Parlamento.
A pretensión da ILP é acomodar o texto “legal” actual o amparo da Lei de símbolos de 1984, ao texto real escrito en 1890, recuperando o texto íntegro de Eduardo Pondal e que, por distintos procesos, adaptacións ou, mesmo, adherencias foi sufrindo modificacións que deron pé a un texto que chegou aos nosos días con incorreccións. Mesmo o propio Eduardo Pondal, antes de morrer en 1917, dirixiuse a Fontenla Leal, gran promotor do himno na Habana, para lle advertir que había que corrixir erros que observara nas interpretacións que comezaban a se extender. Cómpre lembrar, neste sentido, que “Os Pinos” adoptouse oficialmente como Himno galego en 1907, na propia Habana, e a súa difusión e popularización a partir desa data foi lonxe do País.
Con todo, esta campaña, que desenvolveremos en todas as comarcas da Galiza, disporá de distintos puntos e mesas de recollidas durante estas vindeiras datas que irán sendo publicitadas e que facilitarán as todas as persoas que desexen participar desta ILP a achega da súa sinatura.

0 Comments