ASOCIACIÓNS
Conmemoración simbólica e restrinxida no cumio do Pico Sacro

Conmemoración simbólica e restrinxida no cumio do Pico Sacro

  • Posted by gzcultura
  • On 17/07/2020
  • 0 Comments

Un ano máis as asociacións O Galo e Vagalumes que vimos organizando a lectura do Alba de Gloria no seo da Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, queremos manter este acto de lembranza do discurso de Castelao sobre a nosa historia e a nosa tradición cultural.
A Federación Galiza Cultura, lévao a cabo desde que no 2011 se conmemorou o 125 aniversario de Castelao, quen acudiu até o Pico Sacro no 1924 e, xa refuxiado en Arxentina, simbolicamente volveu a el cando escribiu en Bos Aires Alba de Gloria.

En 2020, como sempre subiremos ao Pico Sacro o sábado antes do Día da Patria Galega, que este ano cadra no 18 de xullo, e farémolo ás 12:30h, para ler no seu cumio o discurso Alba de Gloria. Tamén contaremos coa recepción da escritora Yolanda Aldrei, realizaremos un xantar ao ar libre na carballeira de Sucira, para o cal quen desexe participar ten que traer o seu xantar da casa. E posteriormente faremos un breve camiño para visitar as ruinas da torre do castelo de Cira e, por fora, ver o pazo do mesmo nome.

Por mor do COVID-19, o acto será restrinxido a unha representación reducida das asociacións culturais de Galiza Cultura, motivo polo cal pregamos a confirmación no caso de asistir persoas (dúas como máximo) que representarían a túa asociación. Lembrade que é imprescindibel traer máscaras protectoras.