Comunicado de Galiza Cultura sobre Carvalho Calero
- Posted by gzcultura
- On 11/04/2020
- 0 Comments
A grave crise que padecemos determinou a suspensión de todos os actos programados en honra do dedicatario do Día das Letras Galegas deste ano 2020, Ricardo Carvalho Calero. A Real Academia Galega decidiu adiar ao 31 de Outubro próximo –en coincidencia co cento e dez aniversario do nacemento do escritor, o 30 dese mes– a súa celebración oficial.
Asemade, diversas voces do ámbito cultural teñen suxerido a posibilidade de alongar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas ao grande galego e ilustre escritor, cuxa persoa e obra merecen ser lidas, comentadas e valoradas como merece unha tan relevante personalidade das nosas letras e da nosa historia contemporánea.
Con independencia dos actos todos cuxa programación se puider retomar en meses sucesivos (e/ou da difusión telemática que dalgúns actos ou iniciativas se está a realizar), a FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS GALIZA CULTURA propón respeitosamente á REAL ACADEMIA GALEGA que asuma e anuncie a iniciativa mencionada, isto é, que dedique de novo o ano 2021 á celebración completa e debida da persoa e obra de RICARDO CARVALHO CALERO. A excepcionalidade de tal medida está máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer. Esta singularidade aconsella, pois, tomar medidas igualmente inusitadas. A RAG sabe ben que as súas decisións e a súa programación como institución responsábel da eleición e celebración do dedicatario-a do Día das Letras Galegas van acompañadas sempre dun amplo abano de actividades, homenaxes e recoñecementos por todo o país, non só no ámbito privilexiado do ensino, da edición e dos meios de comunicación senón noutros moitos máis modestos pero igualmente eficaces na súa difusión.
Por todo isto, reiteramos a petición arriba expresada, en ben da persoa e obra de Carvalho Calero, da literatura galega e da cultura galega en xeral. Tempos desusados xustifican tamén medidas inusuais como a que propoñemos.
Co desexo de que esta iniciativa teña a resposta que esperamos por parte da RAG, institución responsábel da convocatoria e celebración oficial do Día das Letras Galegas, receban os nosos atentos saúdos.
Cos mellores cumprimentos de María Pilar García Negro, presidenta da Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura.