ASOCIACIÓNS
Comunicado de Galiza Cultura á Real Academia Galega

Comunicado de Galiza Cultura á Real Academia Galega

  • Publicado por gzcultura
  • En Setembro 30, 2020
  • 0 Comentarios

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura celebrou o pasado sábado, 26 de Setembro de 2020, o convivio cultural, de carácter anual, que reúne representantes de asociacións culturais de toda a Galiza. Sendo anfitrioa, como nos seis anos anteriores, a Casa-Museo Manuel María, acudiron a esta reunión extraordinaria, por mor das circunstancias críticas en que nos encontramos, quince asociacións, enviando a súa delegación de voto outras que non se puideron deslocar ao lugar onde se celebrou.


Foron varias as voces que perguntaron sobre a resposta da Real Academia Galega ao comunicado enviado no 9 de Abril pasado en que se interesaba a prolongación do ano dedicado a Carvalho Calero a 2021, á vista de toda a sucesión de suspensións, interrupcións e limitacións que impuxo e impón a crise de saúde en que nos encontramos. Informamos de que recebéramos, no seu día, carta da presidencia da RAG de resposta ao noso comunicado e onde se nos dicía: “[…] a Academia é consciente dos tempos de incerteza que corren e permanecerá atenta á evolución da pandemia e das recomendacións das autoridades competentes. Obviamente, en función desta evolución, non descartamos outras posibles opcións, sempre na liña de render a homenaxe debida, e nas debidas condicións, á figura dedicataria das Letras Galegas”. Igualmente, tamén se informaba de que a RAG decidira trasladar ao derradeiro cuadrimestre do presente ano todos os actos presenciais previstos para a primavera e adiados por mor da pandemia.

Desde aquel mes de Abril non tivemos resposta á petición de Galiza Cultura e descoñecemos, por tanto, cal será a posición da RAG ao respeito. No convivio mencionado, varias asociacións deron conta da imposibilidade de organizaren actos de divulgación e recoñecemento de Carvalho Calero, por todo se ter detido ou limitado desde o mes de Marzo pasado. Noutros casos –como o da veterana asociación O Facho, da Coruña–, á vista da evolución da doenza e das súas consecuencias, decidiron suspender a programación prevista para o que resta de ano e retomala no próximo, á espera de mellores condicións.

Todo isto levou a aprobaren por unanimidade, as asociacións reunidas, a decisión de prolongaren ao ano 2021 a celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, mesmamente para que a tal celebración se poida realizar en condicións semellantes ás doutros anos e outros dedicatarios.

Galiza Cultura anuncia, pois, tal decisión, que transmite á opinión pública galega e, nomeadamente, á Real Academia Galega, institución responsábel da data, á que solicitamos de novo atenda positivamente a petición formulada no mes de Abril (secundada por outras entidades máis), en ben dunha celebración que, por mor das circunstancias excepcionais en que nos encontramos, merece dispor doutro tempo e doutras posibilidades de realización. Coa esperanza de que así sexa, receban os nosos mellores cumprimentos.

0 Comentarios

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *