Clube de lectura: “Eroski Paraíso” de Chévere
- Posted by gzcultura
- On 10/11/2019
- 0 Comments
Este novo encontro do Clube de Lectura centrouse na obra Eroski Paraíso de Chévere, resultándonos moi interesante, tanto para quen xa a vira representada coma para quen non tivera esa ocasión. Nela reflíctese a transformación da sociedade galega contemporánea. Pártese do particular, unha historia familiar cunha localización xeográfica moi concreta, pero o argumento é universal, pois o relato da evolución dos espazos e a forma de vida pódese trasladar a calquera vila (de feito, puxemos varios exemplos de antigas salas de festas que na actualidade son locais de venta de mercadoría ao público).
En canto á estrutura, houbo quen “viu” perfectamente o desenvolvemento da peza no seu maxín, e houbo quen confesou ter tido certa dificultade para imaxinar as secuencias, talvez pola superposición das actividades vencelladas á gravación dun documental na propia trama. Este elemento escénico engadido dispersa a atención da narración dos feitos fundamentais, que ten lugar a través dos diálogos.
Esta presenza da ficción dentro da ficción e a combinación de distintas linguaxes artísticas (filmografía, teatro, fotografía) contribúen a encerellar unha historia aparentemente sinxela na que se cuestiona se a situación actual supuxo unha mellora con respecto ao anterior. Non en van unha das nosas lectoras abriu a rolda de intervencións invitando á reflexión en relación coa idea de que o paraíso (a día de hoxe) era o consumismo.
0 Comments