ASOCIACIÓNS

“Circe ou o pracer do azul”, de Begoña Camaño

“Circe ou o pracer do azul”, de Begoña Camaño

“Circe ou o pracer do azul”, de Begoña Camaño

  • Posted by gzcultura
  • On 07/03/2020
  • 0 Comments

Para o Clube de Leitura, Circe ou o pracer do azul non é un texto doado de ler pola súa densidade e polo seu ritmo ‘doutra época’, onde a velocidade e o fragmentarismo contemporáneos non existen. É unha obra esixente, require o seu tempo. Hai que poñerse en situación, mergullarse de vagar na linguaxe elaborada e na cadencia sintáctica que lle presta á ambientación na antigüidade.

Houbo a quen esa ralentización do discurso narrativo lle supuxo dificultades para achegarse ás personaxes, pero tamén houbo quen atopou unha musicalidade extraordinaria nas verbas entrecruzadas das dúas mulleres, ata o punto de sentir a necesidade de lelas en voz alta, coma escenas teatrais.

A raíña consorte atópase nun dificil equilibrio entre ás presións externas para que case de novo e ás tensións familiares xeradas polo fillo -desexoso xa do poder e desprezativo cara aos esforzos que ela fai para conter aos pretendentes- e pola sogra, que alenta esa actitude de Telémaco.

Neste contexto, onde o trono que garda resulta unha lousa asfixiante, Penélope encontra un refuxio na comunicación por carta que establece con Circe, deusa de temible sona que aínda prendada de Ulises, quere ser leal coa muller lexítima que espera o seu regreso.

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *