ASOCIACIÓNS

Cen anos da Revista Nós

  • Posted by gzcultura
  • On 30/10/2020
  • 0 Comments
Primeiras verbas do primeiro exemplar da Revista Nós

Tal día coma hoxe, hai 100 anos, o 30 de outubro de 1920, saia do prelo o primeiro número da Revista Nós.

A revista impulsada por Castelao, Vicente Risco, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez, foi ideado por Castelao e bebe da páxina que en 1918 viña publicando o xornal coruñés El Noroeste, con cabeceira debuxada por el mesmo.

Marca o Segundo Renacemento da cultura galega

Nas súas páxinas falouse de literatura, lingua, política, arte, etnografía, filosofía e ciencias das máis variadas; tratando temas que nunca antes foran abordados en galego, en diálogo directo coas liñas estéticas máis innovadoras que imperaban na Europa do momento, combinando así dous polos que tan só na aparencia se presentaban como opostos: o nacionalismo e o universalismo.

É, pois, un tempo fulcral en todos os sentidos, o que marca o Segundo Renacemento da cultura galega.

O derradeiro número, o 144, viu a luz poucos días antes do golpe de estado do 36. A Asociación de Escritores da Galiza dedicáballo a Ánxel Casal, mais tivo pouco percurso xa que a imprenta de Casal foi queimada uns días despois polos sublevados, interrompéndose así a publicación da revista.

Dende a Federación Galiza Cultura vimos celebrando dende hai un ano esta data senlleira para o País cunha serie de eventos como a exposición, un audiovisual acompañado de visitas guiadas, palestras e moito máis, actividades que continuarán cando a situación derivada do COVID-19 o permita.

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *