
A restitución da letra do noso Himno no Parlamento de Galiza
- Posted by gzcultura
- On 11/02/2023
- 0 Comments
- Himno galego, Simbolos Nacionais
Este venres 10 de febreiro presentóuselle á portavoz parlamentar do BNG, Ana Pontón, e ao portavoz do parlamentar do PSdeG, Luís Álvarez, a Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión.
Acompañados por Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña, máximo investigador do noso himno e membro da comisión promotora da Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, o presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, e o coordenador de Vía Galega, Anxo Louzao, mantiveron, no Parlamento de Galiza, ambas súas reunións, coa portavoz do BNG, Ana Pontón, e co portavoz do PSdeG, Luís Álvarez.

Nestas reunións trasladóuselles a necesidade de modificar a Lei de Símbolos de Galicia de 1984 para restaurar o noso himno conforme ao resultado das investigacións e diferentes edicións da historia do mesmo do profesor Ferreiro, onde se demostra e se recupera documentalmente o texto fidedigno do Himno Galego, de acordo co texto orixinal e a vontade do seu autor, Eduardo Pondal.
Alén doutras cuestións de menor transcendencia, mostra a existencia de catro alteracións de importancia:
1. Problemas de presentación formal e de puntuación, de forma que no texto oficial mesmo desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo (pregunta aos piñeiros, na primeira estrofa, e resposta destes nas tres estrofas restantes).
2. Presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco/rouco, iñorantes/ignorantes).
3. Aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos/férridos).
4. Deturpación da expresión orixinal mediante un proceso de banalización textual (chan/clan ‘pobo’).

Deste xeito, a portavoz do BNG, Ana Pontón, manifestou a oportunidade e necesidade desta Iniciativa e amosou o compromiso do Grupo Parlamentar do BNG de apoiar a ILP cando sexa debatida no Parlamento. Pola súa parte, o portavoz do Grupo Socialista de Galicia, Luís Álvarez, expresou o seu interese e receptividade pola proposta, comprometéndose a tratala no seu Grupo Parlamentar para fixar definitiva a posición ante a mesma.
Temos pendente a entrevista co Portavoz do Grupo Popular que, por problemas de axenda, foi imposíbel realizala na mesma data, pero co compromiso de tela en vindeiras.
0 Comments