A Asociación socio cultural A Pomba do Arco fundouse en outubro de 1989 en Foz co obxectivo de promover e impulsar a cultura e a lingua galega. As liñas de traballo ao longo destes trinta anos son diversas, sinalándose entre elas as dirixidas á recuperación da nosa historia, á restauración do Antroido tradicional, á divulgación da literatura galega, ao apoio as diversas manifestacións artísticas e ao debate sobre diversos temas de actualidade.
A asociación ten unha programación onde se mesturan actividades estábeis e outras de carácter puntual. Signifícanse, entre as primeiras, O Touporroutou, iniciada en 1990 para garantir a continuidade das coplas do Antroido, as Xornadas da Historia Local, comezadas en 1995, as Xornadas de Arte e a Festa da Palabra, encontros arredor da poesía. Sinalamos, tamén, o funcionamento dun club de lectura e dun grupo de teatral así como a edición de diversas publicacións, entre elas o caderno de estudos focegos Bolanda.