
Vinde todas. Concerto de Carmela na Coruña
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 19 Xaneiro, 2025
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Concello da Coruña
A cantora, gaiteira e investigadora Carme López Fernández adora a tradición oral e o papel das informantes como heroínas anónimas que preservaron, xeración tras xeración, un legado patrimonial de valor incalculable.
Carme López, que provén da fabulosa orquestra SonDeSeu, está a presentar o seu primeiro disco, Vinde todas, que reflicte a tradición máis pura da Galiza poñendo as mulleres informantes nun primeiro plano e como motor principal da tradición oral, reivindicando a relevancia histórica e actual nun ámbito en que, adoito, foron marxinadas. Cada unha das cancións leva o nome da ou das mulleres de referencia no proceso de aprendizaxe das melodías, ademais de iniciar e pechar o disco cadansúa gravación de campo, as que reflicten o propio proceso de investigación etnomusicolóxica.
Vinde todas é tanto un acto de memoria como unha declaración política, lembrándonos que a música é tamén un vehículo de transformación social. Non toda a materia prima ten orixes remotísimas: poñendo por caso, no tema “SEVERINA. A Rusia pequena” Carme recolle o romance que Severina Murias lle confiou e rescata unha historia de delacións e fusilamentos nos montes do Acebo, na comarca da Fonsagrada, territorio en que o heroico comandante Moreno e o seu batallón loitaron fronte ao golpe de estado de 1936, a metralla e a infamia; ademais, esta canción leva por subtítulo o nome co que se coñecía unha aldea de Cedrón (Láncara) a mediados do século pasado, a que tamén levaba consigo unha historia de silencio e medo que chegou a Carmela a través da súa avoa Manuela Caloto.
Carmela achega as sonoridades tradicionais á música máis contemporánea, xunto coas súas compañeiras, Sara Méndez (saxo) e Camile Hedouin (sintetizadores), con arranxos sinxelos que permiten que a voz e a percusión vaian da man e sexan as protagonistas principais do espectáculo.
Vinde todas dá conta da realidade efervescente da música tradicional en Galicia recollendo a confluencia do pasado e a actualidade a través dun claro propósito de visibilización da figura das informantes como referentes fundamentais para a creación actual.
Este festival, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: para público en xeral
Cando: 08/02/2025
Horario: 19:30 h
Duración: 75 minutos
Enderezo: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde
Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments