Valados con vida

Valados con vida

Valados con vida

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 8 Maio, 2022
  • 0 Comments
  • ADEGA, Biodiversidade, patrimonio, Ramsés Pérez, valados

Ramsés Pérez estará en 19 de maio ás 19 h. na aula 9 do Centro sociocultural Ágora para facermos unha aproximación ao patrimonio natural dos valados; falará dos seus beneficios ecosistémicos e da diversidade natural.

Ramsés Pérez, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela, é coordenador dos Programas e Proxectos de Educación Ambiental de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) dende o ano 2000. Ten levado adiante iniciativas de divulgación e recuperación de valados con voluntariado ambiental.

“Os valados son elementos patrimoniais ben coñecidos dende o punto de vista cultural e paisaxístico pero cunha faciana descoñecida, a súa función ecolóxica. O grupo de seres máis característico en relación ás pedras son os liques, organismos indicadores da calidade ambiental, xa que a súa diversidade está directamente relacionada coa contaminación atmosférica.

Nos muros de pedra seca sitos en lugares lixeiramente húmidos, como sucede en moitos lugares de Galiza, son comúns os musgos e pequenos fentos. Hai unha grande cantidade de plantas de pequeno porte que tamén medran nestas paredes.

Así mesmo, nos valados de pedra refúxianse e crían insectos que son depredadores naturais de especies que poden converterse en pragas para os cultivos ou o gando, xogando un importante papel no seu control. Réptiles como o lagarto das silvas, presente no Anexo II da Directiva Hábitats, son tamén habituais do valados, e varias especies de paxaros e mamíferos aproveiran as fendas para facer niños e sacar adiante a prole.

Alén, da biodiversidade que acollen, os valados de pedra seca achegan numerosos beneficios ecosistémicos; desempeñan un papel esencial na prevención de corrementos de terras, inundacións, avalanchas, e na loita contra a erosión e desertización dos terreos, na mellora da biodiversidade e na creación de condicións propicias para a agricultura.”

Como en todos os actos do programa Agra no Ágora, a entrada é libre e gratuíta.

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *