Símbolos nacionais de Galiza: o himno e a bandeira
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 28 Xaneiro, 2023
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Eduardo Pondal, Galiza, Manuel Ferreiro, Pascual Veiga, Vía Galega, Xoán Costa
Hai 38 anos que se promulgou a Lei de Símbolos de Galiza. A pesar de diferentes iniciativas presentadas no Parlamento, ao día de hoxe, por moi insólito que pareza, o noso himno continúa sen ser restaurado oficialmente; cómpre unha rehabilitación completa do himno, respecto ás creacións de Eduardo Pondal –texto literario– e Pascual Veiga –partitura– .
Manuel Ferreiro é catedrático da Universidade da Coruña, máximo especialista e investigador do noso himno e da obra de Eduardo Pondal. No seu traballo, dános conta da orixe, historia e creación do Himno. Examina o seu significado e a alta calidade literaria do poema Os Pinos. Analiza as alteracións e erros que se foron transmitindo no Himno, alleos á vontade de Pondal, e propón a necesidade de corrixilos para recuperar a letra orixinal.
Xoán Costa é profesor, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza e investigador da nosa bandeira. No seu artigo, fai un percurso histórico sobre a conformación da bandeira galega, desde as súas orixes, nas que só era un concepto, a como xa no derradeiro cuarto de século XIX as cores azul e branca eran identificadoras da nosa bandeira até a súa forma oficial actual. Infórmanos, tamén, das distintas bandeiras galegas que colocan sobre a franxa azul outros elementos, destacando a popularidade da bandeira coa estrela vermella, adoptada polo movemento soberanista.
Manuel Ferreiro e Xoán Costa comparten a autoría do caderno “Símbolos nacionais de Galiza. O himno e a bandeira”, editado por Vía Galega coa axuda da Deputación da Coruña, que distribuiremos de balde entre o público asistente.
Na páxina web de Vía Galega poden descargarse este caderno e a gravación do himno coa letra e partitura rehabilitadas: https://viagalega.gal/simbolos-nacionais-de-galiza/
Reportaxe audiovisual Símbolos nacionais de Galiza. O himno e a bandeira: https://youtu.be/EZXAxcFhDGs
Duración: 60 minutos
A quen vai dirixido: público en xeral
Cando: xoves 16/02/2023 ás 19:30 h.
Onde: Aula 9 do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde
• Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments