
Sementeira. Concerto na Coruña
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 12 Marzo, 2025
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Concello da Coruña
Na década dos oitenta, como resposta a unha preocupación social por preservar o patrimonio cultural galego, xorden en Galiza multitude de agrupacións que teñen como obxectivo preservar e difundir o folclore galego. No seo deste sentir agroma, na Asociación de Veciños San Xoán de Anceis, Sementeira de Cambre, que ademais de ensinar música tradicional e linguaxe musical, organizou un concurso que foi pioneiro ó longo de toda a década.
Tras máis de vinte anos esquecido, no seo da área de música tradicional da escola consolidada nos noventa, recupérase no 2016 o grupo de música tradicional. Nestes anos de rexurdir, o colectivo recupera a vontade orixinal de ser algo máis que un proxecto formativo e vén organizando diferentes actos de difusión da música tradicional galega, como o Encontro Tradicional ou exposición e homenaxe a Xosé Casal. Ademais, afonda na faceta interpretativa realizando colaboracións con artistas como Susana Seivane ou Carlos Núñez, e participa en diferentes festivais da contorna e internacionais, como o Festival Intercéltico de Lorient. Froito desta actividade nace este primeiro traballo discográfico.
Fieis ó concepto orixinal da agrupación, os instrumentos tradicionais galegos son os compoñentes únicos deste traballo, cuxa materia prima nace de Cambre e as Mariñas. O seu tratamento afonda nas posibilidades das gaitas e a percusión galegas cunha sonoridade propia e diferenciada que caracteriza á agrupación cambresa.
Este disco é un punto de creación e posta en valor dos elementos que temos á vista e que pasan desapercibidos: dende as amoras ó pé dos camiños até a propia música tradicional, omnipresente pero tantas veces invisibilizada. Sementeira propón redescubrir lugares e melodías, e transitar unha vez máis polos vieiros e as músicas de sempre sen deixar que a cotianeidade do camiño nos faga pasar por alto a súa beleza.
Este festival, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: público en xeral
Cando: 15/03/2025
Horario: 19:30 h
Duración: 70 minutos
Enderezo: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde
Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments