Presentación do documentario “Todo pode esperar”
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 28 Xaneiro, 2026
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Borja Casal, Centro sociocultural Ágora, César Morán, Concello da Coruña
César Morán é un profesor de Lingua e Literatura xubilado que hai 50 anos intentou facer carreira como cantautor. A vida non lle permitiu facelo. Non puido vivir da música, pero conseguiu algo máis importante: vivir sempre preto dela. Agora, con 70 anos, vai gravar o seu primeiro disco con músicas e letras propias, Todo pode esperar, que dá nome a este documental, é o título dunha delas.
Borja Casal (director e guionista) é un xornalista que actualmente desenvolve proxectos audiovisuais, logo de terse empregado e colaborado con medios como La Voz de Galicia, Revista Luzes ou Radio Coruña-Cadena SER, e pasado por produtoras como Filmax, Undodez ou Voz Audiovisual levando a cabo traballos de produción, desenvolvemento, guión e dirección. Ten participado en programas como Cos pés na terra ou Historias de aquí e codirixiu Recollendo músicas (Mellor Programa nos Mestre Mateo 2025). No ano 2025 obtivo o I Premio José Gil polo seu proxecto Todo pode esperar.
Neste proxecto fai equipo con Laura Pazienza (dirección de produción), Diego Guerrero (guionista), Marcos Estebo (director de fotografía), Adolfo Fernández (montaxe) e Fernando Rouco (son).
O documental está dividido en capítulos, cada un co nome dunha canción súa que explica a súa vida: Bolboretiña real, Volvo a Galiza, Sonho imposível, Estación e Agora si.
Como todas as actividades do programa “Agra no Ágora”, este evento é de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: para público en xeral
Cando: 07/02/2026
Horario: 19:30 h
Duración: 70 minutos
Enderezo: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde
Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto: agra@galizacultura.gal

0 Comments