Os cancioneiros galegos. Recompilación de música tradicional
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 9 Novembro, 2025
- 0 Comments
- Área de Cultura da Deputación da Coruña, Asociación Veciñal Agra, Música tradicional
Luís Bolón falará no noso local sobre Os cancioneiros galegos. Recompilación de música tradicional, o vindeiro venres, 21 de novembro ás 20:15 h; a entrada é de balde e libre ata encher a capacidade do local.
Luís Bolón naceu na Coruña en 1995. Aos oito anos comeza os estudos regrados de Gaita Galega que complementa con formación en frautas traveseiras, percusión, gaita e zanfona cos músicos Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde. Tamén asistiu a cursos con Carlos Núñez, Dani Bellón, Cristian Silva, Luís Prego, Aleix Tobias, Xisco Feijoo, Carmen Rey, Efrén López. Posteriormente estuda no Conservatorio Superior de Vigo con Lorena Freijeiro, Iván Abal e Carlos Castro, onde acada o título superior en interpretación dos Instrumentos da Música Tradicional e Popular.
Levou a cabo diferentes concertos e recitais por todo o país e participou como músico solista coas Bandas de Música de Sada e Sementeira de Cambre. Realizou a composición e interpretación musical da banda sonora da obra teatral Bath time. Como docente impartiu aulas na A.C. Arume de Caión, Universidade de Vigo, EMM Abegondo. Actualmente é director artístico de Cántigas da Terra e mestre de instrumentos populares na Escola de Música Sementeira de Cambre, ademais forma parte do grupo Os Melidaos e do colectivo Cantometrics.
Carballeiriña escura
moza solteira e honrada
rise de quen a marmura
Esta copla cantábana as mulleres de Corcubión. En novembro de 1952 o americano Alán Lómax pasou pola vila e recolleu esta copla para un traballo que el estaba facendo. Estes versos soan no espectáculo Efémeras de Cantometrics.
A nosa asociación reeditou este ano, coa axuda da Área de Cultura da Deputación da Coruña, o primeiro dos cadernos de cantos que empregamos na actividade semanal “Polo gosto de cantar” e nos cursos de baile e música (gaita, percusión) tradicionais. Neste caderno poden consultarse as letras de cen cantigas tradicionais e populares; algunhas delas adaptadas ao contexto actual e revisadas dende unha perspectiva de xénero. A reedición do caderno permitiunos incorporar o artigo Letras Galegas 2025 Só en galego de Antón Cortizas Amadoi e que Xosé Manuel Sánchez Rei revisara o seu artigo Aproximación ao canto tradicional galego.
Lembra que xa temos o caderno 1 de “Cantos tradicionais e de taberna” que reeditamos este ano coa axuda de Cultura da Deputación da Coruña.

0 Comments