O Pazo de Meirás: pasado, presente e futuro

O Pazo de Meirás: pasado, presente e futuro

O Pazo de Meirás: pasado, presente e futuro

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 18 Marzo, 2021
  • 0 Comments
  • agra do orzán, Asociación Veciñal Agra, Carlos Babío Urkidi, Centro sociocultural Ágora, Manuel Pérez Lorenzo "Lito", Meirás, Memoria democrática

Unha palestra, unha conversa, con Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo para conxugarmos pasado, presente e futuro do Pazo de Meirás.

Ao facer 50 anos, desclasificáronse moitos documentos, aínda non todos, referidos a Meirás. A investigación pon sobre o papel mecanismos do terror fascista (extorsións, incautacións, violencia), operacións fraudulentas ao servizo dos intereses de quen convertiron as Torres de Meirás na sede da corte galega do ditador.

A “apropiación” de Meirás fíxose con expropiacións forzosas, con parte do lote de moitos mariñeiros, das nóminas do funcionariado, das arcas públicas chuchadas para a “adquisición” e mantemento do pazo. O Pazo de Meirás foi enriquecido con pezas espoliadas doutros bens patrimoniais públicos.

Próceres da Coruña, como o alcalde Alfonso Molina ou o banqueiro Barrié de la Maza, precisaban garantir a proximidade co centro de poder. Chegado o verán, o ditador e todo o aparato de xefe de estado dispuñan da contorna rústica nas Torres de Meirás ou máis vilega na Casa Cornide; mentres, rebeldes ou sospeitosos de selo eran, no mellor dos casos, hospedados no “hotel Reixas” (o cárcere).

Morreu o ditador en 1975. O xefe de estado sucesor outorgoulle a Carmen Polo unha pensión vitalicia suculenta e extraordinaria amais dos títulos “Señorío de Meirás” e “Ducado de Franco” con Grandeza de España, aínda vixentes. O Pazo de Meirás sufriu un curioso incendio en 1978 e foi obxecto de indemnizacións, subvencións… malia servir de escenario para fastos e propaganda fascista. O Concello de Sada promoveu que fora declarado Ben de Interese Cultural.

Nos despachos de Meirás escribíronse novelas, ditáronse decretos e luciron sabres. Aínda pairan e se axitan moitas plumas para que permaneza o que o ditador deixou atado, para dificultar o traballo de investigación de Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo; mais podemos ler o libro “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”, publicado pola Fundación Galiza Sempre, e conversar con eles no Centro Ágora e saber do seu asesoramento á Avogacía do Estado e nas comisións de expertos do Parlamento e da Deputación ou do manifesto “Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático, que promoveron e que rexistraron con mais de tres mil sinaturas, incluído o apoio de entidades como a Asociación veciñal Agra.

A quen vai dirixido: público en xeral

Cando: 25/03/2021

Horario: 19.00 h. * Ás 18:30 h. abrirá a porta. Pídese presentarse no auditorio con antelación suficiente para que o persoal encargado asigne os asentos.

Duración: 90 minutos

Enderezo: Aula 9 do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Número de prazas: 30

Prezo: de balde

Serán de OBRIGADO cumprimento:

• O uso de máscara (excepto aquelas persoas exentas pola lexislación vixente).

• Lavar as mans con xel hidroalcohólico á entrada e á saída do edificio.

• O uso da cadeira asignada polo persoal da sala. Non está permitido o desprazamento, salvo que o persoal da sala o autorice.

• Manter a distancia de seguridade, sobre todo á entrada e á saída para evitar aglomeracións.

• Respectar a sinalización.

• Seguir en todo momento as indicacións do persoal da sala.

RECOMÉNDASE:

• Limitar o máximo posible o uso dos aseos.

• Actuar con responsabilidade.

 1

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *