O patronato franquista: un inferno para as mulleres aínda descoñecido

O patronato franquista: un inferno para as mulleres aínda descoñecido

O patronato franquista: un inferno para as mulleres aínda descoñecido

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 24 Xuño, 2024
  • 0 Comments
  • Asociación Veciñal Agra, Facendo país, Fascismo nunca máis, Memoria democrática, Memorial Carlos Parrado

Nun barrio en que tanto se fala do “solar das Adoratrices”, cómpre sabermos máis sobre esa orde. Ninguén mellor ca Montse Fajardo para falarnos sobre o xoves, 27 de xuño, ás 20 h desenvolveremos a segunda charla do “Memorial Carlos Parrado: a nosa historia“ deste ano. Nun barrio en que tanto se fala do “solar das Adoratrices”, cómpre sabermos máis sobre esa orde. Ninguén mellor ca Montse Fajardo para falarnos sobre o Patronato de Protección a la Mujer na Galiza.

Malia os avances no estudo da represión franquista con perspectiva de xénero, aínda existe un gran descoñecemento sobre unha das ferramentas máis crueis de castigo que a ditadura utilizou contra as mulleres que se saíron do patrón único de nai e esposa imposto pola ditadura: o Patronato de Protección a la Mujer, un organismo que durante máis de catro décadas –entre 1941 e 1985- recluíu en institucións relixiosas a aquelas menores de 25 anos que, na súa visión absolutamente misóxina, o réxime consideraba descarreiradas.

As mozas foron as principais vítimas –ou superviventes, como lles gusta dicir a elas- da atroz institución pero, ademais da actuación sobre persoas concretas, o Patronato tiña unha vertente colectiva, que pretendía impoñer unha moralidade determinada, fondamente influída pola Igrexa Católica, a toda a poboación. Era o ollo na pechadura dos fogares e a chave na porta de miles de mozas que perderon a súa liberdade durante anos por atreverse a deixar atrás a inocencia da infancia.

Montse Fajardo estudou a presenza deste organismo na Galiza e recolleu o resultado da súa investigación no traballo “Caídas: Achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer na Galiza” que vén de ser galardoado co premio Xohana Torres’2024 e que centra o contido desta charla.

APUNTAMENTOS BIOGRÁFICOS E LABORAIS

Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, mais a súa traxectoria profesional vinculouse nomeadamente ao xornalismo, especializándose nos últimos anos en memoria histórica e feminismo.

Ata xullo de 2023 foi técnica de memoria histórica na Deputación de Pontevedra, cargo que asumiu en 2021. Entre ese ano e o 2014 coordinou o proxecto A memoria das mulleres, promovido pola Concellaría de Patrimonio do Concello de Pontevedra, e anteriormente traballou como redactora en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo.

Actualmente é colaboradora habitual do faladoiro radiofónico de Radio Arousa-Cadena SER, dos xornais Nós Diario e A Nova Peneira, e do suplemento cultural Sermos. Ademais forma parte da directiva da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) a Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) e tamén do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega.

LIBROS E EXPOSICIÓNS

En solitario é autora dos libros Matriarcas (2012), Un cesto de mazás (2015), Invisibles. (2017), O escalón de Ulises (2018) e A vida incerta (2020).

Foi comisaria e autora dos textos das exposicións itinerantes Sinaladas, a loita das galegas no século XX, (Deputación da Coruña, 2023) e Rexas, mulleres baixo o terror franquista, (Deputación de Pontevedra, 2017). Ademais foi co- comisaria e co-autora da exposición Do gris ao violeta  (Concello de Pontevedra, 2016).

Como técnica de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra coordinou as xornadas Na loita contra a impunidade celebradas en Pontevedra entre 2019 e 2022, e os seguintes libros sobre memoria, para os que ademais escribiu capítulos:

– O pasado por vir (2021)

Acorda (2022)

– Desmontando a propaganda franquista (2022)

– O pasado por vir II- Un tempo posible (2023)

Tamén realizou capítulos dos seguintes libros colectivos:

Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas(Concello de Pontevedra, 2015).

-Pedaleando por Vilagarcia (O faiado da memoria, 2016)

-Manuel Antonio e máis nós (Hércules edicións, 2019)

-Somos memoria (A.C. 28 de agosto, 2021

Gestión feminista del hábitat  (Centro de Investigaciones y Estudios sobre Cultura y Sociedad, 2022)

-O fardel da memoria de Conde Corbal (Deputación de Pontevedra, 2023)

– Vigo, 1972 (CC.OO, 2023)

– A música represaliada (Deputación de Pontevedra, 2023).

PREMIOS

En 2018 foi a gañadora do premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelo de Montes polo seu artigo “O universo de Carlos” protagonizado por un neno con autismo.

En decembro de 2023 gañou o premio da SELIC co trabalo “Rotas, as mulleres que o franquismo agochou en Conxo”.

En marzo de 2024 gañou o premio Xohana Torres do Concello de Santiago de Compostela polo traballo “Caídas. Achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer na Galiza”.

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *