Nós somos elas: exposición e visita guiada
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 17 Maio, 2026
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Gosto de vivir a poesía
A mostra “Nós somos elas” poderá visitarse do 12 ao 30 de maio no adro do Centro Ágora. En colaboración coa AC Alexandre Bóveda, faremos unha visita guiada por María Xosé Bravo o vindeiro martes, 19 de maio, ás 19:30 h.
A Sección de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación puxo á nosa disposición os 25 paneis da mostra “Nós somos elas” creada pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda en 2020, que, querendo poñer o foco nas mulleres, artellou un diálogo entre as mulleres retratadas en 24 fotografías de Xosé María Dionisio Vidal García (1900-1988) e vinte e catro escritoras galegas, que expresan a súa visión nos versos que acompañan as imaxes.
Escolmáronse 24 fotografías do Arquivo Fotográfico Vidal, un conxunto documental declarado Ben de Interese Cultural que nos permite asomarnos ao mundo rural e mariñeiro de Galicia durante as décadas dos anos 20, 30, 40 e 50 do século pasado, que fai parte da colección permanente do Museo do Mar de Laxe.
NÓS SOMOS ELAS é o eloxio desde mundo rural e mariñeiro que dá visibilidade a certo vínculo emocional entre esa fotografía de mulleres e a palabra poética de Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño.
Vinte e catro fotografías e vinte e catro poetas, desde as novísimas ás consagradas… dialogan para prestar vida a través da palabra, para descubrir sutilezas, praceres, significados, historias fracturadas…
Esta exposición, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

0 Comments