Mulleres do medievo galego

Mulleres do medievo galego

Mulleres do medievo galego

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 10 Novembro, 2024
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Deputación da Coruña

O papel das mulleres sempre estivo esquecido, ocultado ou relegado a un segundo plano ao longo da historia. Poder coñecer e pór rostro a diferentes mulleres decisivas do Reino da Galiza é fundamental para coñecer a nosa historia medieval.

En MAOS innovación Social S Cooperativa Galega, unha empresa de economía social comprometida coa cultura de proximidade como medio de transformación social, emprenderon un proxecto divulgativo para dar a coñecer a historia e o pasado de Galiza a través da arte e con perspectiva de xénero. Deseñaron un cartafol con dez láminas no seu interior, cunha edición coidada, de gran calidade a nivel artístico, que nos achega á nosa historia de forma amena e sinxela, afastándonos dos textos académicos pero sen perder a veracidade histórica.

Escolleron diferentes episodios do pasado medieval do país que xiran ao redor da figura de diferentes mulleres destacadas do medievo galego: Ilduara Eiriz, Sancha I, Dona Urraca, Lupa Pérez de Traba, Tareixa Alfonsez, Maior Guntroda Rodríguez, Sancha II, Aldonça I, Inés Pires de Castro, María Castaña e María, a Balteira. Estas láminas foron ilustradas por diferentes artistas galegas, achegándonos á historia a través da arte e, en varios casos, pondo cara por primeira vez a moitas destas mulleres. Ademais, contan no reverso con textos biográficos sobre os acontecementos máis relevantes da vida de cada unha das protagonistas, correspondentes á representación artística da face dianteira.

O matiz de xénero vese acentuado ao contar coa colaboración de cinco destacadas artistas contemporáneas da Galiza. Elas son: Iria Fafián (1988), muralista e ilustradora, coñecida polos seus proxectos de caixas de luz; Laura Romero (1991), ilustradora, urban sketcher, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e baixista de Zënzar; María Montes (1987), auxiliar de veterinaria e ilustradora merecedora do premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020; Nuria Díaz (1982), que conta cunha fonda traxectoria en diferentes ámbitos da ilustración e encargas moi diversas, desde traballo editorial até ilustración de produto; e Minia Regos (1983), muralista e ilustradora, que ademais imparte obradoiros ao redor da lectura e da arte. Elas encargáronse de plasmar nas láminas as mulleres destacadas do medievo galego. Cada unha ilustra dúas das láminas deste cartafol. Partiron dunha selección ampla de mulleres medievais, a partir da cal cada artista fixo unha selección sobre as figuras que máis lle interesaba representar.

Desta forma, cunha biografía e as poucas imaxes que existen ao redor destas mulleres, comezou o proceso artístico, con total liberdade creativa para desenvolver as ilustracións,  baixo o seu punto de vista, mostrando unha interpretación persoal da historia medieval, conseguindo un resultado rico e variado, en canto ao estilo e a estética das láminas.

A raíz deste proxecto, a Deputación da Coruña encargou esta exposición, “Mulleres do medievo galego”, para interiores que consta de 21 paneis, o primeiro introdutorio e o resto son dez láminas ilustradas e os 10 respectivos textos.

Como actividade complementaria, o martes 12 de novembro ás 20 h. proxectaremos no local veciñal (rúa Entrepenas 38 soto) o documental “Inês, aquilo que nos une” feito por MJ Perez sobre Inés de Castro.

Esta exposición, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

A quen vai dirixido: para público en xeral

Cando: 04-15/11/2024

Enderezo: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto: agra@galizacultura.gal

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *