Montse Fajardo presenta “A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira”

Montse Fajardo presenta “A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira”

Montse Fajardo presenta “A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira”

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 29 Xaneiro, 2022
  • 0 Comments
  • A vida incerta, Asociación Veciñal Agra, Castelao, Memoria democrática, Montse Fajardo, Virxinia Pereira

O libro reconstrúe o pensamento e a loita da compañeira de Castelao, unha persoa que percorreu o mundo na defensa da dignidade e dos dereitos do pobo galego fronte ao fascismo e a impunidade. “A maioría da xente non sabe como se chamaba a muller de Castelao, e entre a xente que si o sabe, prevalece a idea errónea de que Virxinia Pereira Renda –que así se chamaba- non era máis ca unha señorita conservadora, relixiosa e algo superficial da Estrada. Como moito, xorde a abnegada enfermeira e compañeira do home no exilio que si era, pero hai máis. Esa imaxe deixaba atrás outras moitas facetas dunha muller que permaneceu rexa durante o tempo en que padeceu os rigores do exilio coa mesma intensidade que Castelao, e aínda así puxo por riba de todo a defensa dos valores galeguistas, republicanos e antifascistas que pode que lle trasmitise el, pero que ela asumiu como propios e defendeu ata o final da súa vida”.

Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, mais a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo.

Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo e é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos.

Participa no equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica do Concello de Pontevedra. No seu marco participou no libro Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas co texto, As que quedaron, no que analiza a repercusión da represión franquista sobre as familias afectadas. Nesa liña imparte por centros educativos e asociacións culturais galegas a charla A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36.

En solitario é a autora dos libros Matriarcas. Mulleres en pé de vida (2012), Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), Invisibles. Relatos do maltrato (2017) e O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (2018)

Ademais, foi a comisaria da exposición itinerante Rexas, mulleres baixo o terror franquista, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra en 2017 e a coordinadora das Xornadas contra a impunidade que este mesmo organismo puxo en marcha en 2019 e 2020. Neste enlace dispóñense as III Xornadas de Memoria Histórica, de 2021: https://arquivos.depo.gal/web/patrimonio/-/actividade-iii-xornadas-de-memoria-historica

En outubro de 2018 gañou a II edición do premio de Xornalismo “Lueiro Rey” que organiza o Concello de Fornelos de Montes, co seu artigo “O universo de Carlos”, protagonizado por un neno con autismo.

Na actualidade traballa na Deputación de Pontevedra como Técnica especialista en Memoria Histórica.

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *