Modelo individual e sinaturas colectivas para alegar fronte ao pelotazo urbanístico na Agra
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 6 Xullo, 2026
- 0 Comments
- Asociación Veciñal Agra, Parque da Agra Xa
Diante da aprobación inicial polo pleno do Concello da Coruña do Proxecto Urbanístico para o
coñecido como “Parque da Agra”, a Asociación Veciñal Agra facemos público:
- Que rexeitamos o comportamento do Concello en todo o proceso por:
1.1. IGNORAR totalmente as xustas reivindicacións veciñais a respecto do espazo que debera
ser ZONA VERDE.
1.2. FAVORECER a DRICAR INVERSIONES SL outorgándolle unha edificabilidade que de
ningún xeito lle correponde. - Dicimos isto porque:
A sentenza do TSXG de data 15/10/2015 unicamente establece categorizar os 3.163 m2 da
parcela das Adoratrices como SUC (solo urbano consolidado), ordenando excluílo do POL-M22,
consecuencia do cal é que a ordenación do POL-M22 non é de aplicación a eses terreos, revivindo
a do PXOM de 1998. Quere dicir isto que a sentenza nada establece sobre usos, edificabilidade
nin aproveitamentos ou ordenanza, pois isto é competencia exclusiva do Pleno da Corporación.
É por isto que se minte cando se afirma que o convenio con DRICAR se asina para dar
cumprimento á sentenza do TSXG e que esta mantén a ordenación urbanística deses terreos. O
convenio asínase e a aprobación inicial do documento faise para que DRICAR Inversiones SL
poida facer máis de 130 vivendas e dar un PELOTAZO URBANÍSTICO MONUMENTAL.
En que se concreta?
En que o planeamento de aplicación ao terreo das Adoratrices é agora o do PXOM/1998, que
categorizaba eses terreos como SOLO URBANO CONSOLIDADO de uso DOTACIONAL
ASISTENCIAL PRIVADO, outorgándolles unha edificabilidade de 1,5 m2/m2 (4.744,50 metros
cadrados). Pola contra, o que vén de aprobar o Concello outórgalle unha edificabilidade de 5,02
m2/m2 (15.896 metros cadrados, dos cales 14.896 m2 son de residencial intensivo e 1.000 m2 de
comercial), case catro veces máis.
Baseándose en que planeamento se fai isto e por que? Cómpre que as organizacións políticas
que aprobaron isto nos expliquen a veciñas e veciños a quen representan. - O ACORDO CONSOLIDA o atentado urbanístico que se leva perpetrando contra este barrio
dende os anos 70. A calidade de vida da veciñanza deste barrio hai 50 anos que a ignora o
Concello. - O ACORDO CONSOLIDA unha política especulativa indecente e impropia de dúas organizacións
políticas que se din progresistas. - Dende hoxe, luns 6 de xullo ata o venres 31 de xullo recolleremos sinaturas que han servir para
unha alegación colectiva, para tal fin disporemos unha mesa na altura da rúa Barcelona 26 (á
entrada do Mercado das Cunchiñas), de luns a venres, das 11:30 ás 13:30 h.
Para quen quixer rexistrala de xeito individual, dispomos dun modelo de alegación individual
que pode descargarse aquí ou neste código QR:

Como Asociación estamos a elaborar unha alegación amplamente documentada, para solicitarmos
que se desbote esta modificación do PXOM e que se proceda a presentar unha nova proposta que
garanta o obxectivo dun gran Parque da Agra, consonte ás necesidades e demandas reais e xustas
deste barrio.
Que impacto tería a supresión dos bloques de edificación B, C, D e E (que é o que se demanda na alegación)?
Na MPPXOM aprobada inicialmente a zona verde conta cun total de 12.674 m2 (sen contar viario e equipamento). Os bloques de edificación B, C, D e E ocupan en total 2.789 m2; ao suprimir estes catro bloques a superficie total de zona verde (ZV) pasaría a 15.463 m2 (+ 22 %).
Diferenza entre edificabilidade e aproveitamento
Moitas veces confúndense, e non é o mesmo. Diferenciar eses conceitos é moi relevante.
A edificabilidade cuantifica os m2 que se poden construir, sen diferenciar usos. Ou sexa, a edificabilidade non diferencia entre se o m2 é de uso residencial libre ou protexido, ou se é comercial. Todos os usos mídense igual.
O aproveitamento é distinto, xa que ten en conta a ponderación por usos. Obviamente, non é o mesmo un m2 de residencial libre que protexido ou un m2 de uso comercial. O aproveitamento é, por tanto, o m2 construido pero aplicándolle un coeficiente de ponderación tendo en conta o uso concreto (e seu valor para os efectos urbanísticos). Eses coeficientes fíxanse no PXOM. Por exemplo, un m2 de residencial libre ten o duplo de aproveitamento que un m2 de residencial protexido.
Cal é a importancia desa diferenciación? Moita! En solo urbano non consolidado (SUNC) os propietarios non teñen dereito a edificabilidade, o que teñen dereito é ao aproveitamento, que é distinto, e mais en concreto ao 90% do aproveitamento que lle corresponde (en función dos m2 que teñan nese polígono), xa que o 10% restante é para o concello (cesión obrigatoria). En solo urbano consolidado os propietarios teñen dereito ao 100%.
Exemplo. No POL-M22 (SUNC) a edificabilidade (m2 construídos) é de 18.887 m2, pero aplicando eses coeficientes de ponderación, o aproveitamento é de 15.613,86 m2, co cal co aproveitamento é de 0,984973 m2/m2. Se un propietario nese POL-M22 tivese 1.000 m2 de superficie, corresponderíanlle 1000×0,984973×0,90 = 886,48 m2 de aproveitamento. Pola contra, no caso dos 3.136 m2 de Dricar (excluidos por sentenza do POL-M22) ten un aproveitamento do 100%.
Erros na documentación exposta ao público da modificación do PXOM do Parque da Agra
O DOG de 11 de xuño de 2026 publicou o Anuncio de aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do polígono M22 Parque do Agra, para a execución da sentenza número 620/2015 (expediente DPE/2025/56). Nese anuncio indícase que a documentación pode consultarse en https://ide.coruna.gal/visorPlaneamiento/
Á vista desa documentación, rexistramos en 12 de xuño de 2026 un escrito dirixido á alcaldesa da Coruña para advertir o erro de aprobación polo Pleno do 11 de xuño de dous documentos en que, erroneamente, figura un bloque de edificación (Bloque A), que foi suprimido na restante documentación da Modificación Puntual do PXOM.
Mais en concreto, nese escrito, facemos referencia a que en dous documentos (o Estudo económico e Memoria Xustificativa II) figura un bloque de edificación (o A, cunha superficie de 503 m2, edificabilidade de 1.413,00 m2 e un aproveitamento de 706,50 m2) que, tal e como anunciou e publicitou o goberno local foi suprimido na restante documentación aprobada en Pleno.
| ESTUDO ECONÓMICO | |
Captura da páxina 5/9 do documento 15030_PERI_POL_M22_202604_AI_01EE.pdf | |
| MEMORIA XUSTIFICATIVA II | |
Captura da páxina 4/37 do documento 15030_PERI_POL_M22_202604_AI_ORDET_MX_02XUS.pdf | |
Captura da páxina 24/37 do documento 15030_PERI_POL_M22_202604_AI_ORDET_MX_02XUS.pdf | |
Tal erro non consta fose advertido (nin polos servizos municipais nin pola Corporación), razón pola cal ditos dous documentos foron aprobados polo Pleno e asi figuran dilixenciados, formando parte do expediente sometido a información pública.

Con este escrito solicitamos a emenda de erros do acordo do Pleno da Corporación de 14.05.2026, para o cal necesariamente debe aprobarse por dito Pleno dita a emenda de erros previa incorporación ao expediente deses dous novos documentos (en que se elimine a referencia e cálculos asociados respecto dese Bloque A).
E, como consecuencia do anterior, o Pleno debería acordar un novo período de exposición ao público, unha vez emendada e completada a documentación anterior.
Con independencia do indicado, a Asociación Agra xa está a analizar o contido documental do expediente, para os efectos de presentación de alegacións, tanto respecto da Modificación Puntual do PXOM como do convenio urbanístico con Dricar, dado que a asociación considera que nin a Modificación nin o convenio se axustan aos obxectivos e demandas do barrio respecto do obxectivo do parque público e da ordenación urbanística dos terreos que a Agra do Orzán precisa.
En 29 de xuño de 2026 solicitamos ao Concello a incorporación ao expediente DPE/2025/56 sometido a información pública (do actual, ou do que, no seu caso, se acorde de novo) da seguinte documentación:
- Proxecto técnico presentado por Dricar, denegado por acordo da Xunta de Goberno Local de 26/01/2018.
- Acordo da XGL, de 26/01/2018 de denegación de licenza ao proxecto anterior.
- Informes técnicos e xurídico emitidos polos servizos municipais en relación co dito proxecto.
- Autos do TSXG de 12/11/2018 e 22/02/2019
Sobre a equipa redactora da proposta MP-PXOM
A equipa redactora inicial da MP-PXOM era a Oficina de Planeamento S.A. Fora esta Oficina quen, contratada polo goberno local no 2018, presentou o documento a trámite ambiental.
Agora a equipa redactora é Fernández Carballada (en diante, FC), quen redacta o documento, a proposta de DRICAR e é aceptado polo goberno local no Convenio asinado en xuño de 2025 (aprobado no Pleno de xullo dese ano).
Que antecedentes ten Fernández Carballada neste asunto?
Os seguintes:
1.-FC é quen fixo o informe pericial que DRICAR presentou no proceso xudicial que deu lugar á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de 15/10/2015.
2.-FC é quen redactou o proxecto construtivo para o cal DRICAR solicitou licenza, que lle foi denegada por acordo da Xunta de Goberno Local (XGL) de 26/01/2018. Denegación de licenza que foi confirmada por autos do TSXG nos que, precisamente, confirman o evidente: os terreos carecían da ordenación urbanística derivada do POL M22 do PXOM2013, tal e como xa ten advertido esta asociación.
En consecuencia, quen redacta a MP-PXOM foi perito de parte de DRICAR no proceso xudicial e redactor do proxecto técnico ao que se denegou unha licenza en 2018 na parcela das Adoratrices para 90 vivendas (na MP-PXOM en trámite prevese 50% máis).
Segundo isto, quen redacta o documento da MP-PXOM en trámite estivo ao servizo de DRICAR, tanto no proceso xudicial como despois. E tamén agora, porque FC foi contratado por DRICAR, de quen cobra.
Legalmente nada impide que unha equipa presente unha proposta de planeamento e que sexa a promotora quen lle pague, mais neste caso debemos destacar catro cuestións importantes que poden resultar, como mínimo, sorprendentes:
- Que FC foi perito de parte e prestou servizos a DRICAR neste mesmo conflito.
- Que esta MP-PXOM deriva dunha execución de sentenza nun proceso xudicial no que FC defendeu os intereses de DRICAR.
- Que xa estaba en trámite a MP-PXOM redactada por outra equipa (OPSA, contratada polo Concello), polo que o Concello cambiou a equipa redactora pola proposta por DRICAR.
- Que a equipa redactora non só formula a MP-PXOM para os terreos de Dricar senón tamén para o POL-M22 (onde Dricar non ten a maioría da propiedade).
Para a Asociación veciñal Agra a obxectividade e independencia da equipa redactora, evitando o conflito de intereses, é un presuposto básico para que o planeamento responda ao interese público xeral e non aos intereses dunha promotora privada, moito máis cando se trata da execución de sentenzas xudiciais e a ordenación de terreos nunha zona tan sensible como é do Agra do Orzán.
A asociación veciñal lembra a este respecto que a potestade de planeamento é unha competencia municipal que non pode verse condicionada nin sobredeterminada por intereses particulares, nin directa nin indirectamente a través das equipas redactoras.

0 Comments