Mercedes Núñez Targa, exemplo de dignidade

Mercedes Núñez Targa, exemplo de dignidade

Mercedes Núñez Targa, exemplo de dignidade

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 9 Novembro, 2025
  • 0 Comments
  • Asociación Veciñal Agra, Memoria democrática

Palestra de Carme Vidal Laxe, que virá ao local veciñal o xoves 27 de novembro ás 20 h para nos falar de “Mercedes Núñez Targa, exemplo de dignidade” e pechar o ciclo de palestras de 2025 do programa Memorial Carlos Parrado. A nosa historia, co que facemos un exercicio de memoria democrática.

Marga do Val comentaba en Mercedes Núñez Targa: Novas Latitudes (Nós Diario, 07/04/2023):

Unha moza unha vez preguntoume cal era a razón de que no Instituto puidesen ler o  «Diario de Anne Frank», que se lle falase del, que tamén lesen  «Cando Hitler roubou o coello rosa» de Judit Kerr ou  «O neno de pixama a raias» de Boyne e non coñecesen estes relatos impactantes das vidas de Mercedes Núñez, Mariví Villaverde, Syra Alonso ou Placeres Castellanos. A pregunta segue sendo a mesma: Por que coñecemos a represión exercida nos campos de concentración nazis e non sabemos nada (ou ben pouco) da terríbel represión sufrida por quen se opuxo á ditadura franquista, antes de Auschwitz?

Mercedes Núñez Targa, nada en Barcelona o 16 de xaneiro de 1911 e finada en Vigo o 4 de agosto de 1986, foi unha militante antifascista, loitadora polas liberdades civís contra os réximes de Franco e Hitler. Sufriu a guerra, o cárcere, o exilio e a deportación e sobreviviu aos campos de concentración nazis de Saarbrücken, Ravensbrück e Leipzig-Schönefeld.  Nunca claudicou e aceptou a obriga, de por vida, de contar todo o que vivira. Exiliada, en 1967, publicou en París “Cárcere de Ventas”, o primeiro libro que narrou as vivencias das mulleres nas cadeas franquistas, desde a identidade de presas, vermellas e mulleres; en 2005 publicouse na colección Mulleres de A Nosa Terra, traducido por Sira Vidal e Carlos Arias, e co prólogo “Tinta vermella de Mercedes Núñez” escrito por Carme Vidal.

Carme Vidal Laxe é licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación e Xornalismo. Foi redactora no semanario «A Nosa Terra» e formou parte da redacción de «Sermos Galiza». Tamén formou parte da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e presentou Álbum de Mulleres. En 2014 foi premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) á mellor traxectoria no xornalismo cultural. Como autora, centrouse especialmente en publicacións encamiñadas a recuperar a memoria das mulleres; entre elas, a biografía de Maruxa Mallo ou os estudos biográficos dos libros memorialísticos «Diarios» de Syra Alonso ou «Cárcere de Ventas» de Mercedes Núñez. Publicou tamén «M.ª Luz Morales, a grande dama do xornalismo» e, xunto con David Barro, o libro de entrevistas «Voces de Atlántica». En 2024 publica, xunto con Pablo Iglesias Núñez, o álbum «O triángulo vermello» (Xerais, 2024), dedicado á figura de Mercedes Núñez e ilustrado por Belén Diz Juncal. Os dereitos de autora deste libro van destinados a organizacións de apoio á infancia de Gaza, Palestina.unha ensaísta e xornalista galega.

Por que descoñecemos o terror que se viviu no campo de concentración de Ravensbruck, coñecido como o inferno das mulleres no que estivo presa Mercedes Núñez?. Na súa intervención, Carme Vidal falaranos da biografía de Mercedes Núñez e do seu traballo memorialístico ao escribir sobre a súa experiencia no Cárcere de Ventas e no campo de concentración de Ravensbruck e achegaranos a outras mulleres que escribiron sobre a represión en primeira persoa como as coruñesas Ana e Teresa Alvajar e Syra Alonso.

A entrada é libre e de balde.

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *