Luís Seoane. Loita antifascista a punta de lapis

Luís Seoane. Loita antifascista a punta de lapis

Luís Seoane. Loita antifascista a punta de lapis

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 12 Xullo, 2026
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Área de Cultura da Deputación da Coruña, Asociación Veciñal Agra, Concello da Coruña, Fundación Luís Seoane

Ata o sábado 18 de xullo temos expostas no Centro Ágora as táboas sobre as que reproducimos o álbum de Luís Seoane “13 estampas de la traición”, coa colaboración da Fundación Luís Seoane e unha axuda económica da Deputación da Coruña.

Partícipe do movemento memorialista, a asociación Agra organiza esta mostra para alentar a conciencia e memoria democrática. Hai 90 anos do golpe de estado de 1936. Os sublevados fracasaron no seu intento de dominar todo o estado, mais en vez de renunciar ao seu asalto violento optaron por levar a cabo unha guerra que coa axuda dos exércitos de Hitler e Mussolini terminou coa construción dunha ditadura fascista que durante case catro décadas foi responsable de terribles violacións de dereitos humanos.

LEVAN A CRISTO POR FÓRA…

Levan a Cristo por fóra,
levan o demo por dentro;
a relixión nas camisas,
do inferno as paixóns, no peito:
frechas, xugo, escapularios
–morte, escravitude, amuletos–,
insignias maldizoadas,
enfeite de traizoeiros,
con fachenda de asasinos
móstranlle ao mundo enteiro.
[…]
Florencio Manuel Delgado Gurriarán
Cancioneiro da loita galega, México, 1943
O soño do guieiro

As secuelas daquel réxime aterrador inda campan na actualidade: hai milleiros de persoas desaparecidas pola violencia dos fascistas, miles de propiedades que non regresaron aos donos/as lexítimos/as e monumentos e viarios que celebran a victoria dos tres exércitos fascistas e enaltecen quen participaron do golpe ou se beneficiaron del e da falta de liberdades. En tempos en que a democracia e as liberdades están ameazadas pola sombra renovada do fascismo é especialmente importante mostrar públicamente o rexeitamento a formas de intolerancia e reafirmar o compromiso coas diversidades políticas e rexeitar firmemente os intentos por restrinxir dereitos fundamentais.

Trece estampas de la traición

Foi o primeiro álbum de debuxos de Luís Seoane; foi editado en 1937, cando Seoane tiña 27 anos, meses despois de que comezase o seu exilio en Bos Aires, a cidade que o vira nacer. Este álbum formou parte das diversas publicacións que integraron a campaña de propaganda no exterior levadas a cabo polo goberno español.

“Nos trece debuxos que compoñen o álbum, catorce incluíndo a portada, Seoane pon de manifesto a inmoralidade do conflicto e os horrores da represión fascista, sinalando aos seus principais responsables, con Franco á cabeza, e denunciando os sufrimentos e as inxustizas infrinxidas á poboación civil.” (parágrafo recollido na web da Fundacón Luís Seoane: https://fundacionluisseoane.gal/gl/exposicions/trece-estampas-de-la-traicion/)

Conferencia de Pepe Barro o xoves 16 de xullo ás 19 h na aula 9

A exposición compleméntase coa conferencia Xestualidade e dramatismo das “13 estampas da traizón” de Xosé María Pérez Barro, deseñador, ilustrador e escritor galego coñecido como Pepe Barro.

Exposición e conferencia, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

A quen vai dirixido: para público en xeral

Cando: do 1 ao 18 de xullo de 2026. A conferencia de Pepe Barro Xestualidade e dramatismo das “13 estampas da traizón” será o xoves 16 de xullo ás 19 h na aula 9

Enderezo: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *