Indóciles. Luísa Villalta a escena

Indóciles. Luísa Villalta a escena

Indóciles. Luísa Villalta a escena

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 18 Abril, 2024
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Culturactiva, Gosto de vivir a poesía, Luísa Villalta

Peza multidisciplinar na que Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut, crean un universo singular arredor do legado de Luísa Villalta.

“Indóciles” é un proxecto multidisciplinar que achega ao público a obra de Luísa Villalta, unha autora comprometida e versátil cun legado literario provocador e rebelde. Da man de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut, o legado e a voz de Villalta volven ao escenario; a indocilidade, para elas, está na contundencia do sinxelo, nas palabras, nos silencios, nas presencias, na interrelación entre as tres en escena e co público, na espectacular naturalidade do cotián e do presente. Tamén nos coidados e no activismo social.

Que é ser indócil? Pregúntanse para chegar a unha peza cargada de contundencia. Mónica de Nut é a responsable musical e chega cunha proposta onde a electrónica, voz e pandeira compoñen un repertorio que abana entre a sutileza, o ruído e o silencio, creando un espazo sonoro pasado por filtros, cun traballo vocal e de bases, transmitindo o espírito de Villalta e procurando códigos propios á vez, atopando o empaste perfecto entre música, poesía e oralidade. A poesía escénica corre da man de Nuria Vil, que decide interpelar á autora utilizando un rexistro que resulta achegado á escoita, buscando respostas e o parecer sobre o que lle está a contar a Villalta, intentando traela ao escenario actual da vida. E é Vero Rilo quen nos leva da man da narración oral, despois de revisitar toda a obra dramática e poética de Luísa, deixándose remover polo seu extraordinario Papagaio e fusionando á Margarida coa Ofelia e mesmo Lisis -personaxes femininas da obra de Villalta- facéndoas transitar os camiños das posibles vidas, creando unha narrativa en base á historia de vida ficcionada onde non faltará crítica, amizade, coidados e un arrecendo a flores.

Cunha posta en escena sobria e contida, a sutileza dos movementos escénicos, a forza do discurso, da palabra e o son, constrúen un altar para lembrar e festexar ás vivas e ás mortas nunha eterna indocilidade.

Vero Rilo é narradora oral. Antes era educadora infantil, pero quitouse diso. Dende 2013 leva contando contos, historias de vida, e outras lerias para todo tipo de público. Feminismo, tradición, memoria histórica, resistencia,  alegrías, afectos e rebeldías aparecen consciente e inconscientemente no seu repertorio. Sempre lembra as palabras de Castelao “cada vida é una novela que se perde” Se cadra é por iso que conta, para non perder. E conta o que aprendeu a ser,  o que outras foron, o que son. Conta o que a (con)move, di que así a memoria non morre…

Mónica de Nut canta ópera, jazz, música de raíz, música experimental que mestura coa interpretación teatral e danza contemporánea. Razas e estilos, dispersión sonora que acouga nas tripas. A esperanza está no inesperado, nos fíos invisibles que traen as cores que van chegando. Froito da súa formación e experiencia, o seu xeito de cantar caracterízase pola creatividade, o eclecticismo, a experimentación e a interacción con outras artes escénicas: danza, teatro, performance…

Nuria Vil é “resitadora”, filóloga e poeta galega presente no circuíto de poesía galega oral. Ten publicado o seu primeiro poemario “Simún” na editorial Chan da Pólvora (2021). Nuria Vilán Prado entende a poesía como unha ferramenta que potencia  cambio social. Quizais é por este motivo que na súa escrita fala da violencia, da maxia do cotiá, da vinganza e de reconstruír o desexo.

Todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

Duración: 55 minutos

A quen vai dirixido: público adulto

Cando: venres 03/05/2024 ás 20:15 h.

Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto: agra@galizacultura.gal

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *