Imaxes da memoria

Imaxes da memoria

Imaxes da memoria

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 18 Novembro, 2024
  • 0 Comments
  • Asociación Veciñal Agra, Memoria democrática

Luís Bará falará no noso local sobre Imaxes da memoria, o vindeiro xoves, 28 de novembro ás 20 h.

Xosé Luís Bará Torres é licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola USC e profesor de ensino secundario en excedencia. Concelleiro en Pontevedra dende 1995 e membro do goberno local entre 1999 e 2005, director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura de 2005 a 2009 e de novo concelleiro en Pontevedra entre 2011 e 2018. Autor das obras Non des a esquecemento (2017), e Políticas públicas da memoria na Galiza (2021). É deputado por Pontevedra dende 2016, no grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego.

Colabora na recuperación da memoria histórica, primeiro desde o seu cargo de Director Xeral de Creación e Difusión Cultural e despois continuou o labor a través do seu blog Non des a esquecemento. Forma parte do colectivo de recuperación de memoria histórica A Regaduxa. Colabora con artigos na publicación dixital Pontevedra Viva e tamén no Nós Diario.

Nesta charla, Bará fará un percorrido con imaxes pola brutal represión da Ditadura franquista contra o pobo galego, con perspectiva nacional, de xénero e de clase. Preséntanse persoas representativas de diferentes sectores políticos, sociais e profesionais (María Vázquez Suárez, mestra de Miño asasinada polos fascistas; Castelao e Virxinia Pereira; a familia Alvajar; Amalia Álvarez e Cinta Rey;  espazos de represión de grande simbolismo como a Illa de San Simón, episodios históricos relevantes como a entrega do Estatuto galego nas Cortes españolas.

E mais alá da violencia extrema e traumática, que deixou unha pegada que pervive hoxe no imaxinario colectivo e na experiencia das superviventes, reivindícanse os ideais dunha xeración única e irrrepetible, o significado da súa loita por ideais de xustiza, liberdade, equidade e autogoberno, e a súa vixencia hoxe como instrumentos da defensa dunha democracia máis sólida, dunha sociedade máis xusta e dun país máis libre.

A charla é unha reivindicación do valor da memoria (políticas públicas da memoria) desde unha perspectiva integral baseada no dereito internacional: dereito de todas as vítimas á verdade, á xustiza e á reparación, e garantías de non repetición. 

A entrada é de balde e libre ata encher a capacidade do local.

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *