Gosto de vivir a poesía de Luz Campello
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 4 Maio, 2026
- 0 Comments
- AELG, Asociación Veciñal Agra, Gosto de vivir a poesía
O xoves 30 de abril, ás 8 h da tarde, o noso club de lectura Gosto de vivir a poesía, convídanos ao recital dedicado á poesía de Luz Campello García. Contaremos coa presenza da autora homenaxeada.
A entrada é libre e gratuíta ata encher a capacidade do local veciñal.
Beatriz Maceda, en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, presenta así a autora que homenaxeamos:
Luz Campello, naceu na aldea de Labrada, no concello de Guitiriz. Na súa infancia, mais seguro que agora tamén, os seu soños a esperan camiñando pola Terra Chá.
Como na súa casa non había libros, dedicouse ao moi nobre oficio de “ladroa de libros”. O encontro coa literatura escrita en galego, foi ao mesmo tempo que o encontro coa obra de Rosalía, polo que se declara herdeira da poeta e leal rosaliana, aínda que logo a súa escrita percorra outros camiños, mais sen esquecer o pouso que deixou en todas nós a importancia de reivindicar as inxustizas e a nosa identidade.
Estudou traballo social e non por casualidade. Atopouse coa desindustraliación en Ferrol, a desfeita da droga na xente moza e os embarazos non desexados e iso a colocou do lado das persoas desfavorecidas para desde o laboral, desde esa proximidade ser a man que acolle.
Polo camiño, vai lendo e recoñecéndose nas voces das poetas dos 80, xa en Madrid estudando a carreira, mulleres como Luísa Castro, Ana Rosetti ou Blanca Andreu. Publicou os seus primeiros artigos na Revista Xermolos de Guitiriz.
Anos máis tarde gañará o “V Certame de poesía da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi” cun poemario titulado “Muller”, isto deulle alento para seguir escribindo.
No ano 2009, e despois do nacemento dos seus fillos, sae á luz o primeiro poemario “Do Corazón da Terra” prologado pola tamén poeta, Pilar Pallares; e no 2015, en Espiral Maior, “Inventario do prohibido” cun prologo escrito pola poeta, Eva Veiga e, o poema que leva este mesmo título foi musicado por Sonia Lebedensky, e “Voces sen voz”, por Sandra Tenreiro en Infu Sons.
Foi unha das fundadoras da NPG, Nova Poesía Guitírica, movemento que xurde arredor da figura de Díaz Castro.
Outras obras: “Ben sabe o mar que posúo o botín dos piratas” (fermoso título).
Todo isto que vos estou a contar comeza cunha nena curiosa que atopou nas palabras o mellor dos xogos, o alimento foi a natureza que sempre vai con elas, a observación de todo o que acontece ao seu redor e que nunca a deixa indiferente; as fadas que representaban esas nenas que non tiñan máis oportunidade que casar co príncipe para ter unha vida mellor, pero sempre hai unha variña máxica que eran os libros e o coñecemento para acadar a liberdade.
A súa poesía está inzada de natureza, dos costumes do rural galego, os temas sociais, o feminismo, a identidade como muller consciente e independente, o sufrimento, o desamor, en resumo, o vivir no mundo para a través da palabra intentar mudalo.

0 Comments