Gostamos de vivir a poesía de Emma Pedreira
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 25 Abril, 2024
- 0 Comments
- A Sega, AELG, Área de Cultura da Deputación da Coruña, Asociación Veciñal Agra, Concello da Coruña, Emma Pedreira, Gosto de vivir a poesía
O club de lectura “Gosto de vivir a poesía” fará lectura pública de poemas de Emma Pedreira. Temos a honra de contar coa presenza desta autora.
Emma Pedreira (A Coruña, 1978) Filóloga, poeta e narradora. Membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Forma parte da denominada Xeración Poética dos 90. É unha das máis poderosas e singulares voces da actual poesía galega. Encadrada na coñecida como Xeración dos 90, estreouse cos versos do Diario bautismal dunha anarquista morta (1999). En todo este tempo foi tecendo ata unha ducia de libros de poemas (sempre premiados) onde destila a súa visión fonda, crítica, potente e feminista da vida.
O seu poema “Lista da compra da viúva” foi considerado en 2017 o Mellor Poema do Mundo. Foi musicado polo músico Xiao Berlai no seu traballo “Cas Berlai”. Outros poemas seus como “É importante falar baixiño agora” ou “Castelo de Mentiras” foron versionados e musicados pola música e poeta asturiana Ana Lamela ou “Sapo de Lesbos” polo grupo vigués Xardín Desordenado.
Como poeta publicou “Diario bautismal dunha anarquista morta” (1999, Premio Johán Carballeira), “Grimorio” (2000, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón), “Corpo” (2001, Premio Faustino Rey Romero), “As posturas do día” (2001), “Velenarias” (2001, Premio Johán Carballeira), “Os cadernos d’amor e os velenos” (2002, Premio Johán Carballeira), “Casa de orfas” (2006, Premio Fiz Vergara Vilariño), “Xoguetes póstumos” (2010), “Antítese da ruína” (2011, IX Premio de poesía Novacaixagalicia), “Libro das mentiras” (2012, Certame de poesía Concello de Carral) e “s/t” (Xerais, 2015, Premio Gonzalo López Abente).
Como narradora publicou “Bestiario de silencios” (2001), “As cinzas adentras” (2004), “Corazón e demais tripas” (2016, Premio Narrativas Quentes), “Bibliópatas e fobólogos” (Premio da Crítica Española en Lingua Galego no ano 2017), “Besta do seu sangue” (Premio Xerais de Novela 2018 e e Arzebispo San Clemente) e “As fauces feroces” (2019). “Os corpos invisibles” gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil no ano 2019 e o premio da Gala do Libro Galego 2020 como mellor obra xuvenil.
É unha das autoras incluída na antoloxía de relatos Entre Donas.
En 2021 publica, xunto coa ilustradora Laura Romero, o libro XelArias, palabra á intemperie, que visita, en clave de biografía poética a vida e obra de Xela Arias, poeta e tradutora á que se lle adican as Letras Galegas de 2021.
Como tradutora traduciu ao castelán a súa propia obra dentro do libro bilingüe galego-castelán Antídoto ou a tradución ao español de Corazón y demás tripas.
Como artista plástica fai pequenos libros de artista e collages, como os que ilustran o poemario a catro mans O Elo, xunto con Quico Valeiras ou creou portadas para libros, diarios e revistas, así como ilustracións interiores. Ademais, as súas obras poético-visuais O fotográfo e As cicatrices son para a amante, combinan poesía e collage.
A entrada a este acto é de balde e libre ata encher a capacidade do local.
Ao rematar o acto cantaremos Grândola, vila morena para conmemorar a Revolução dos cravos.
25 de abril, sempre!
0 Comments