Gostamos de vivir a poesía de Andrea Nunes Brións

Gostamos de vivir a poesía de Andrea Nunes Brións

Gostamos de vivir a poesía de Andrea Nunes Brións

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 2 Xaneiro, 2024
  • 0 Comments
  • Andrea Nunes, Área de Cultura da Deputación da Coruña, Asociación Veciñal Agra, Gosto de vivir a poesía

Andrea é feminista e activista LGBT e o seu primeiro libro individual foi publicado no 2007, titulado “Corrente do esquecemento” e non casualmente editado por Aturuxo ‑Federación Galega de Asociacións Lésbicas, Gais, Bisexuais e Transexuais. Traballou coa Marcha Mundial das Mulheres e con BOGA. En 2011 publicou “Todas as mulleres que fun”, un poemario ilustrado por Annet Borrás de temática erótica e de crítica contra o capitalismo, o patriarcado e a falta de consciencia ecolóxica. Este libro foi finalista nos premios Asociación Escritoras-es Lingua Galega – AELG e “Diáspora do amor balea”, escrito conxuntamente con María Rosendo, gañou o XII premio de poesía erótica Illas Sisargas en 2017. Pertence ao colectivo As candongas do quirombo e á plataforma de crítica literaria feminista A Sega.

Este xoves veñen dúas segadoras ao local veciñal da Agra: Beatriz Maceda presentará Andrea Nunes, activista transfeminista e profesora, que cultiva o ensaio e a poesía cun marcado carácter feminista e investiga cuestións relacionadas co ensino de linguas e co xénero entendido como un construto social.

A web d’ A Sega conta de Andrea: “Naceu en Marín baixo un frorecente manto de escamas. Trasladouse a Compostela fuxindo dos verquidos tóxicos de Ence. Alí entrou en contacto con diferentes persoas que acreditan nun mundo fóra do patriarcado capitalista.”

O poemario “No celeiro dos versos” de Ricardo Seixo, coordinador do noso club de lectura de poesía, que escolmou uns poemas seus para homenaxearmos a poesía galega, ten un dos poemas dedicado a esta autora. En breve, poderás descargalo nesta web (http://galizacultura.gal/agra/documentos-e-informes/ ) e esperamos imprimir 500 exemplares coa axuda económica da Área de Cultura da Deputación da Coruña, que distribuiremos de balde, ata acabar as existencias, entre as participantes na actividade Gosto de vivir a poesía. Agradecemos a colaboración de Pilar García Negro por facer o limiar e a Sechu García Alfonso pola cesión das fotografías coas que ilustramos algúns dos poemas.

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *