Galeguismo musical bonaerense: redescubrindo a Carlos López García-Picos
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 14 Setembro, 2026
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, exilio, homenaxe, música
No marco do programa Agra no Ágora, o primeiro festival A música idioma universal, organizado polo Concello da Coruña e a Asociación Veciñal Agra do Orzán, o Auditorio do Centro Ágora acollerá o vindeiro sábado, 19 de setembro de 2026, ás 19:30 h, o concerto titulado «Galeguismo musical bonaerense: redescubrindo a Carlos López García-Picos».
O evento pretende reivindicar e poñer en valor a obra de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1922 – Oleiros, 2009), figura fundamental da música galega do século XX e referente cultural da colectividade no exilio bonaerense.
O repertorio seleccionado para o concerto amosa a enorme variedade expresiva do autor, combinando páxinas líricas e de conmovente intimismo con obras de grande intensidade instrumental.
Entre as pezas que se interpretarán destacan os lieder para voz e piano Campo e Hoy buscarás en vano (sobre textos de Antonio Machado); Canto elexíaco (homenaxe póstuma a Eduardo Blanco Amor) e Canto do arrieiro ao violonchelo; a Suite para violín solo e Monodia; xunto con páxinas para piano só como a evocadora Visións cósmicas e un interludio e as 6 pequenas pezas infantís.
A Fundación Luís Seoane permitiunos incluír no cartel o debuxo-caricatura que Seoane lle fixo, mostra da amizade que os unía.
Un elenco de recoñecido prestixio
A interpretación do concerto correrá a cargo de catro recoñecidos profesionais:
- Susana de Lorenzo González (voz): Soprano de ampla traxectoria en proxectos de recuperación patrimonial (como a obra de Eugenia Osterberger) e colaboracións con orquestras como a OSG, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Gaos.
- Javier Ares Espiño (piano): Catedrático de Piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña, doutor e investigador do Grupo Organistrum da USC e máximo especialista na figura de García-Picos, sobre quen publicou o seu catálogo e a monografía de referencia.
- David Veiga Martínez (violín): Profesor do Conservatorio Profesional de Música da Coruña e integrante de formacións como o Cuarteto Antares e Gallaecia Antiqva. Formouse en Coruña e en Madrid con recoñecidos mestres, como Ara Malikian, Eusebio Ibarra ou Manuel Guillén.
- Teresa Morales Diego (violonchelo): Profesora no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol. Formouse en Salamanca co profesor Aldo Mata e na New York University (beca Fulbright) coa profesora Marion Feldman e colaborou con orquestras como a OSG e a OSCYL.
A cita ofrece unha oportunidade única para gozar da calidade deste patrimonio musical galego da man dalgúns dos seus mellores intérpretes e investigadores.
DATOS DO EVENTO:
Este concerto, como todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: público xeral
Cando: sábado 19/09/2026 ás 19:30 h.
Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde. Non se precisa reserva previa nin retirar billete de entrada.

0 Comments