Fuliada na Vila, de Richi Casás

Fuliada na Vila, de Richi Casás

Fuliada na Vila, de Richi Casás

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 24 Xuño, 2024
  • 0 Comments
  • Asociación Veciñal Agra, Facendo país, Fuliada na Vila, Música tradicional, Richi Casás

O saxofonista Richi Casás estará no local veciñal o venres 28 de xuño ás 20:15 h para falarnos de Fuliada na Vila. Será unha palestra que ben podería terse incluído no programa da FoliAgra, a festa do barrio.

Richi criouse a cabalo entre a Vila da Igrexa (Cerceda) e o barrio da Agra do Orzán entre influencias musicais diversas: a música tradicional presente na súa casa desde sempre da man de súa avoa; por outro, a cultura das bandas de música, que coñecía de perto pola experiencia como intérprete de seu avó. A nivel persoal, a súa formación foi heteroxénea, xa que se curtiu como gaiteiro nos torreiros e como músico de orquestra en formacións como Os Satélites, ao tempo que desenvolvía a súa carreira académica como saxofonista no Conservatorio Superior de Música da Coruña, con especialidade de jazz.

Fuliada na Vila, editado por aCentral Folque, é un libro-CD verdadeiramente especial, estruturado arredor dun único eixo: o protagonismo da tradición, sostido na investigación rigorosa das fontes orixinais, e posto en diálogo coa igualmente poderosa forza da modernidade musical.

O disco componse de dez temas inéditos; algúns deles composicións orixinais de Richi Casás e outros arranxos do autor sobre as melodías recollidas por Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa en 1980: xotas, muiñeiras, cantos de Nadal… O CD inclúe tamén seis destas gravacións, que nos permiten escoitar as pezas cantadas por Rosa e Adolfina, avoa e tía de Richi Casás, naquela xornada en Cerceda corenta anos atrás.

O libro está composto por unha narración de Richi Casás estruturada en dez capítulos, acompañada de imaxes de grande valor extraídas do arquivo familiar e de fotografías da autoría de profesionais como Eutropio RodríguezouDistrito Xermar. Ao longo do texto, o autor lévanos de viaxe polos campos de millo da Vila da Igrexa e as leiras de cemento da Agra do Orzán, por bares folkies e aulas de conservatorio, polas institucións que custodian os arquivos da música de transmisión oral e mesmo pola experiencia da emigración.

A entrada ao acto é libre ata encher o local.

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *