Festival pola paz e contra as guerras

Festival pola paz e contra as guerras

Festival pola paz e contra as guerras

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 2 Outubro, 2024
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Concello da Coruña

nova edición do festival “Pola paz e contra as guerra”, artes escénicas e circenses para reivindicar o dereito a vivir en paz.

As guerras atravesan os cinco continentes. Unhas máis mediáticas, outras permanentes, algunhas completamente esquecidas. Máis ca nunca é preciso alzar a voz e clamar en contra dos conflitos que atravesan de violencia a vida das persoas que os padecen, especialmente as crianzas, en beneficio dos intereses duns poucos.

O festival Pola Paz e Contra as Guerras quere poñer o foco sobre as guerras e facer un chamamento pola solidariedade. Promovida pola Asociación Agra de Orzán e coordinada por Pallasos en Rebeldía, participan nela a monologuista Leti da Taberna, a compañía de circo Desastronauts, o músico Mondra e o mago cómico Dani Blanco, presentados polo pallaso Fran Rei e coa participación de Iván Prado, representante de Pallasos en Rebeldía.

Nesta gala o humor e as artes escénicas póñense ao servizo da solidariedade, para lembrarnos que os conflitos están aí, á nosa beira, poñendo en risco a nosa propia condición de humanidade. Estes deben ser tempos para a solidariedade, a procura da paz e a rebeldía. A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía, é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do teatro, o clown e as artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras. Cada gala de Pallasos en Rebeldía é un evento cultural cargado de arte, conciencia e loita. Ofrecen 75 minutos de espectáculo con música, circo, humor e moita reivindicación. Son actos de transformación para concienciar da realidade de países como Palestina e do Sáhara a través do circo e do humor, mais non só deses países, senón de todos os que cada día viven a guerra. Pallasos en Rebeldía é un proxecto de circo internacional que traballa ao lado dos pobos e colectivos que combaten o sistema global de terror. Defenden a libre mobilidade dos seres humanos, a liberdade dos pobos para autoorganizarse, a loita contra a marxinalidade dos colectivos empobrecidos nas grandes urbes…

Este festival, como todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

Duración: 75 minutos

A quen vai dirixido: público en xeral

Cando: xoves 3 de outubro ás 20:15 h.

Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *