Ferrados de Letras 2025
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 24 Maio, 2025
- 0 Comments
- AELG, Agra no Ágora, Área de Cultura da Deputación da Coruña, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Gosto de vivir a poesía, Música tradicional, Parabéns, patrimonio oral
O sábado 31 de maio celebramos unha nova edición do festival Ferrados de Letras, ás 19:30 h no auditorio do Centro Ágora: unha pequena mostra do traballo cultural que, ao longo do ano, vimos facendo na Asociación Veciñal Agra. Traballo aberto ao que a veciñanza se pode incorporar cando queira.
Nos últimos anos mudamos o formato deste espectáculo programando unicamente mostras dos colectivos que veñen tendo actividade cultural na Asociación. É así que teremos o grupo Parabéns, que nos han achegar ao seu xeito de facer a música que senten, aos gaiteiros/as, a Tradivivas Agra (cantareiras/os e pandeireteiras/os), a cantadores e cantadoras… en definitiva, a unha morea de amigas e amigos que entenden que facer e espallar a nosa cultura é unha obriga que todas e todos temos como habitantes desta terra.
Mais este ano temos unha novidade: todas e todos os asistentes ao Ágora ides ter a oportunidade de actuar no espectáculo. Vanse repartir na entrada algunhas cantigas tradicionais e populares para que, cando se indique desde o escenario, aquelas persoas que as queirades recitar ou cantar poidades facelo (unha persoa da organización indicará o xeito e o momento de o facer).
As Letras Galegas deste ano son unha homenaxe á cultura tradicional representada nunhas poucas cantareiras. Pois ben, foron miles as que cantaron, tocaron, bailaron e fixeron cultura nos seráns, nos turreiros, nas foliadas, nas xuntanzas familiares e amicais, nos traballos do campo e do mar… e somos moitas as persoas que seguimos ao facer no día a día. É por isto que, a homenaxe deste ano é colectiva e cadaquén podemos sentírmonos parte desta homenaxe.
Este festival, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: público xeral
Cando: sábado 31/05/2025 ás 19:30 h.
Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde. Non se precisa reserva previa nin retirar billete de entrada.

0 Comments