Exposicións “Debullando o Prato de Harvard” e “Compra saudable e sostible” e visita guiada pola nutricionista Fátima Branco Parra
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 2 Maio, 2025
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Fátima Branco Parra, medio ambiente, nutrición, sustentabilidade, Universidade da Coruña
Bo día,
Dende a tarde do venres 2 de maio ata o xoves 15 de maio, convidamos a ver dúas exposicións simultáneas: “Debullando o Prato de Harvard” e “Compra saudable e sostible” no adro do Centro Ágora e a asistir o vindeiro martes ás 17 h á visita guiada pola nutricionista Fátima Branco Parra (para maior comodidade das persoas asistentes desenvolveremos esta visita guiada na aula 9).
Como continuación das exposicións da primeira quincena de febreiro “A pegada ecolóxica” e “10 motivos para andar en bici”, tamén cedidas pola Oficina de Sustentabilidade da Universidade da Coruña, combinamos agora dúas exposicións (“Debullando o Prato de Harvard” e “Compra saudable e sostible”) porque a alimentación é un dos principais contribuíntes á nosa pegada ecolóxica individual. Hai múltiples cuestións a ter en conta á hora de reducir o impacto da nosa dieta: consumo de produtos locais e de tempada, facerlle fronte ao desperdicio alimentario ou limitar o consumo de produtos de orixe animal, etc.
A antiga Oficina de Medioambiente colaborou coa UDC Saudable para a promoción de hábitos de alimentación saudables e sustentables. Parte desta sinerxia reflíctese na elaboración destas dúas exposicións que analizan a relación entre os alimentos que consumimos e a nosa saúde e a do planeta, valorando cuestións como a pegada ecolóxica e orixe dos alimentos, o desperdicio alimentario ou as prácticas para reducir os seus impactos.
→ Exposición Prato de Harvard: trátase dunha guía de axuda para levar a cabo unha dieta saudable, centrándose nas proporcións dos tipos de alimentos. Ademais, recolle múltiples opcións dentro de cada grupo de alimentos, analizándoos segundo a súa orixe, pegada hídrica… E tamén achegando ideas de receitas.
→ Exposición Compra saudable e sostible: hai múltiples cuestións que poden favorecer que a nosa cesta da compra sexa máis sustentable. Desde os lugares onde mercamos e os envases que consumimos, ata a conservación dos alimentos unha vez no fogar teñen un impacto na pegada ecolóxica relacionada coa alimentación. Saber como reducila está nas nosas mans.
Este evento, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: para público en xeral
Cando:
· exposición: 02-15/05/2025
· visita guiada pola nutricionista Fátima Branco Parra: martes 06 /05/2025 ás 17 h na aula 9
Enderezo: Adro do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde
Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto: agra@galizacultura.gal

0 Comments